Ao día!
Conectando o ecosistema de I+D en Galicia
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, vén de lanzar a rede do ecosistema galego de innovación, InnovaRede: o primeiro punto de acceso ás capacidades de I+D+i de Galicia co obxectivo de darlles visibilidade e fomentar a conexión entre os axentes do ecosistema galego de I+D+i.
Esta nova ferramenta nace para reforzar este ecosistema e seguir medrando a través da conexión das capacidades dos centros de coñecemento (centros tecnolóxicos, de investigación ou innovación, universidades e outros axentes de coñecemento) coas necesidades das empresas.
A súa finalidade é impulsar a colaboración entre os distintos axentes de demanda e oferta tecnolóxica dunha forma áxil, directa e aberta, para acelerar o proceso de desenvolvemento tecnolóxico, valorizar o coñecemento e que as pemes atopen os recursos e capacidades que precisan para innovar.
InnovaRede nace con información de 35 axentes de I+D+i de Galicia e coa aspiración de seguir medrando. A plataforma recolle unha síntese de información priorizada de cada un deles: quen son, onde se atopan, como contactalos e a que se dedican. En total, a ferramenta inclúe 750 patentes, 3700 publicacións e 3500 proxectos, que representa o coñecemento de maior utilidade para as empresas.
O portal conta cun buscador na páxina de inicio que permite facer buscas en toda a información recompilada e categorizada en tecnoloxías de fácil comprensión, cadeas de valor, palabras chave e códigos Unesco, para cada axente e liña de I+D+i.
Ademais, incorpora unha sección privada onde, dándose de alta, permite formular unha demanda tecnolóxica para a que non se atopou resposta nas descricións actuais de InnovaRede, á que se lle dará contestación consultando aos axentes ou desde a Administración.
De cara ao futuro, a idea é converter InnovaRede nun espazo para facilitar o uso compartido de infraestruturas e equipamentos científicos; crear o banco de patentes galegas e axudar a atopar a posibles usuarios ou explotadores; e ser un escaparate das oportunidades para traballar en Galicia no eido da I+D+i.