Inicio
Actualidade

Ao día!

07/02/2024

Entrevista a Alberto Garnil, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia

Comparte este artigo

“Investir en publicidade e comunicación funciona”

O director xeral da axencia creativa Recados Carmen, Alberto Garnil, é tamén presidente do Clúster da Comunicación de Galicia desde 2022. Da súa man, abordamos os retos e oportunidades das empresas do sector nun escenario marcado polo auxe da dixitalización e a irrupción de novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial.

Como é a cadea de valor do sector da comunicación en Galicia e a que tipo de empresas aglutina o Clúster?

O Clúster da Comunicación de Galicia tivo o seu xerme no sector da impresión en 2007, sendo a evolución do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego. A crise de 2008 afectou drasticamente a este sector, reducíndoo significativamente, o que obrigou a reconfigurarse. Hoxe integra a 75 empresas socias, que representan a distintos actores da cadea de valor da comunicación: impresión gráfica, márketing, márketing dixital, comunicación, deseño, publicidade e eventos. Conxuntamente representan preto do 50% da facturación global do sector, que xera preto de 800 millóns de euros de cifra de negocio e uns 5.500 traballadores aproximadamente. Ademais, o Clúster aglutina a entidades representativas como a Asociación Galega de Márketing (Markea), Creatividade Galega, Dircom Galicia e OPC Galicia.

Que tipo de actividades desenvolven e que servizos prestan ás empresas asociadas?

O Clúster desenvolve unha serie de actividades centradas, principalmente, en catro eixos: por un lado, a mellora da visibilidade do sector e a promoción das nosas empresas. Como exemplo, podo mencionar "Rúbrica", a nosa revista, que se edita trimestralmente e ten un alcance de máis de 2.000 empresas e profesionais do ámbito empresarial e institucional. Tamén os nosos Premios Paraugas, Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia, con oito edicións celebradas. Ambos son un escaparate para poñer en valor o talento, as novas tendencias e innovacións do sector en Galicia e onde se deixa constancia da contribución aos distintos sectores empresariais.

Outro dos eventos dos que estamos máis orgullosos é FLÚOR, o Congreso de Márketing, que naceu ligado á explosión do auxe das axencias dixitais, e que é un dos eventos de márketing máis importantes do norte de España. Este ano terá a súa sexta edición.

Por outro lado, outro dos nosos eixos de actuación é a mellora da competitividade, a través do desenvolvemento de accións formativas e promoción da innovación. Tamén o fomento da cooperación e o networking, non só entre as propias empresas do sector, senón con outras entidades empresariais que permitan o intercambio de experiencias e coñecemento co obxectivo de que aumente a xeración de negocio entre todas as partes.

Por último, tamén fomentamos a apertura a novos mercados e a internacionalización, que permite aos nosos socios abrir novas posibilidades comerciais en países como Perú ou, proximamente, en Portugal ou México.

A irrupción do dixital e das redes sociais mudou o panorama completamente nos últimos anos. Como valora a evolución do sector?

Mudou e veu a democratizar o uso dos canais. É un soporte que nos permite estar en contacto cos clientes e que á vez esixe moito tempo e investimento para poder facer un bo uso dos mesmos. Aínda nos queda moito camiño por percorrer nese sentido, pero temos grandes empresas en Galicia que traballan en márketing dixital e utilizan a creatividade para despuntar nun campo onde destacar se fai cada vez máis complicado polo rápido que vai todo, e que esixe unha adaptación constante. Agora non hai plans a medio prazo, todo é inmediato.

Como cre que impactará a intelixencia artificial (IA) nas empresas do sector da comunicación nos vindeiros anos?

A intelixencia artificial será unha revolución no noso sector, como en moitos outros sectores. Calquera empresa que agora mesmo se dedique á creatividade, márketing, deseño, etc., debería estar traballando e formándose na utilización e implementación de ferramentas de intelixencia artificial nas súas empresas. Será como a chegada de internet. Veu para cambiar todo e canto antes sexamos conscientes diso, máis fácil nos resultará adaptarnos. Todas as persoas que traballan en departamentos de márketing, que sexan creativos, copys, responsables de comunicación, editores de vídeo, etc., farano axudándose de ferramentas de IA. Iso supón que haberá un cambio substancial na composición dos equipos das empresas e na reorganización de postos, tarefas e habilidades.

As empresas de publicidade e comunicación xogan un papel clave para impulsar a empresas e pemes de todos os sectores e tamaños. Cal é a importancia da comunicación na estratexia empresarial?

É un feito innegable que os grandes cambios sociais e políticos foron impulsados pola habilidade para conectar, compartir ideas e mobilizar ás persoas a través da palabra, da escritura ou dos medios de comunicación. Para min, as empresas de publicidade teñen a oportunidade de construír ese relato e conectar coas persoas. Desde un punto de vista máis práctico, é unha fórmula gañadora.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, as empresas galegas que invisten en estratexias de comunicación e publicidade ben planificadas teñen un 20% máis de posibilidades de crecer de maneira sustentable en comparación coas que quedan de brazos cruzados.

Entón non hai segredo: investir en publicidade e comunicación funciona.

Cales son os principais retos de futuro aos que se enfrontan?

A sociedade necesita dun relato positivo e este debe vir da comunicación, esa arma poderosa que temos á nosa disposición. É a través dela que podemos transmitir os nosos pensamentos, as nosas inquedanzas e as nosas demandas. É a través da comunicación que podemos construír pontes, derrubar barreiras e construír un mundo máis inclusivo e xusto, coidando os nosos principios e valores.

Por outra parte, o propósito da nosa organización está claro. O como facelo pode ser o interrogante, posto que o camiño admite moitas variantes. En calquera caso, a nosa obriga baséase en tres pilares fundamentais.

O primeiro, seguir aunando ao sector e facer partícipe a máis entidades e empresas para xerar visibilidade dos nosos asociados. O segundo, colaborar coas nosas asociacións integrantes, para crear un hábitat de encontro e poñer en valor as capacidades dos seus membros, potenciando ao sector da comunicación; e terceiro, honrar os logros do presente co fin de ser fonte de inspiración para as xeracións futuras de comunicadores. Ao celebrar a excelencia, envía unha mensaxe clara de que a comunicación é unha forza poderosa que pode ser promotora do cambio.

Tamén pode interesarche