Inicio
Actualidade

Ao día!

28/02/2024

Tattoo Contract: Enfoque personalizado, vocación internacional e ADN solucionador

Comparte este artigo

Cunha experiencia consolidada de máis de 12 anos, esta empresa con sede en Culleredo (A Coruña), conseguiu establecerse como referente na xestión integral de proxectos contract 

Tattoo Contract, dedicada á xestión integral de proxectos contract para hoteis, retailers, oficinas, grandes superficies comerciais, inmobles residenciais e espazos públicos, realiza tamén iniciativas no ámbito da creación e fabricación de materiais innovadores a partir de subprodutos da industria. 

A viaxe de Tattoo Contract comeza no ano 2010 na Coruña, por mor dunha crise que levou ao seu CEO, Pablo García-Bodaño López, a perder o seu traballo, o que lle impulsou a aproveitar a súa experiencia no sector como directivo do grupo Tecam e a súa ambición de democratizar o acceso ao contract creando esta empresa que hoxe é unha referencia no sector polo desenvolvemento de proxectos a nivel internacional.

Desde entón, a empresa experimentou un crecemento continuo, forxando unha sólida traxectoria no equipamento de espazos a medida. A súa dedicación e compromiso reuniron a un equipo transversal altamente cualificado, impulsando unha evolución constante, totalmente enfocada a día de hoxe na sustentabilidade e a economía circular. O que realmente lles diferencia dos seus competidores é a súa vocación internacional e o seu “ADN solucionador”, esa capacidade de ofrecer ao cliente un proxecto “chave en man” a través dun proceso de traballo flexible que se desenvolve en varias etapas.

Espíritu colaborativo 

Para o seu CEO, unha das claves do éxito de Tattoo é a de ter a flexibilidade de ser grande ou pequeno e para iso é fundamental establecer sinerxías cos mellores profesionais de cada ramo para poder recorrer a eles no caso de que o proxecto o requira e iso é o que denomina a “tribo Tattoo”.  “Nós facemos proxectos moi grandes, aínda que non somos moitos na empresa”, explica García-Bodaño, “o que facemos é unir sinerxías. Aínda que traballamos tamén con outros sitios de España e a nivel internacional, facémolo máis a miúdo con industriais entre Galicia e Oporto, do eixo atlántico, xa que a proximidade permítenos ofrecer esa calidade e ter unha capacidade de supervisión óptima”.

Esta flexibilidade permítelles contar cos profesionais máis cualificados de cada área: carpinterías especializadas, empresas de iluminación e enxeñería especializadas, empresas de mobiliario exterior, de novos materiais, etc. “Tattoo encárgase de conseguir o proxecto no lugar que sexa e de darlle sentido común e aterralo”, xa que como indica García-Bodaño, “ao final todos os proxectos son aspiracionais e aínda que os renders aguantan todo, hai que aplicar o sentido e axustalo a un orzamento. Para iso hai que saber moito de materiais e dar alternativas, por iso é fundamental o traballo en equipo”.

Proxectos destacados

Tattoo Contract non sería o que é hoxe se non fose por aqueles proxectos que sen dúbida marcaron un antes e un despois ao longo da súa traxectoria, como o Hotel Sheraton de Doha (Qatar), todo un emblema na cidade e un proxecto que pasou de ser un orzamento dunha mesa e unha cadeira ao dun hotel de 400 habitacións, ou os teitos do metro na mesma cidade, un espectacular proxecto para o que competiron con diversas multinacionais, consistente en solucións de fibra de carbono que desenvolveron con industriais galegos que traballaban o composite.

Tamén foron responsables do equipamento de seis estacións de tren en Arabia Saudita, no medio do deserto, “reportounos moita aprendizaxe sobre todo en canto a loxística, xa que trasladamos todo desde aquí”, explica o CEO.

Outro proxecto tamén crucial para Tattoo desenvolveuse na República Dominicana, para a cadea hostaleira española Lopesan, cun orzamento de 9 millóns de dólares que tiveron que executar nun prazo récord de 6 meses desde que obtiveron os renders e que incluía todo tipo de espazos: casino, spa, restaurantes temáticos, discotecas, etc. En palabras de García-Bodaño, “é a mostra desa capacidade resolutiva que temos para dar resposta ás necesidades do cliente, somos un aparello dixestivo moi grande, somos moi polivalentes”.

Compromiso coa sustentabilidade 

A contribución de Tattoo Contract ao tándem deseño-innovación-sustentabilidade materialízase fundamentalmente en dúas iniciativas: o MIH (Material Innovation Hub) e WIM Studio.

O MIH consiste nunha librería e consultoría especializada en materiais, sustentabilidade e deseño circular, impulsada xunto á deseñadora Noemí Cortizas para apoiar a empresas e deseñadores na realización de conceptos de produtos e servizos, poñendo á súa disposición un exclusivo catálogo de materiais innovadores propios, fabricados a partir de subproductos de materiais orgánicos e inorgánicos, fomentando a economía circular e o I+D+i para alcanzar os estándares máis altos de eficiencia, resistencia e durabilidade.

O que para a maioría pode parecer un refugallo, para WIM Studio constitúe a materia prima perfecta para crear solucións personalizadas de equipamento de espazos, factor indispensable na transformación do interiorismo e a arquitectura cara a un futuro totalmente respectuoso co medioambiente. En WIM Studio reciclan e innovan para reducir residuos e diminuír a dependencia de materiais non renovables, dando lugar á creación de pezas innovadoras e resistentes que marcan a diferenza. Trátase, en definitiva, dun taller dedicado á creación de prototipos para darlle unha segunda vida aos residuos convertendo deste xeito un problema nunha oportunidade. A fabricación de novos materiais e solucións a partir de subproductos de varias industrias, baseándose na economía circular e utilizando a reciclaxe e a innovación para crear pezas únicas e personalizadas son a súa razón de ser.

Ademais, colaboran con compañías como Ilunion para darlle unha segunda vida aos residuos téxtiles do grupo en forma de equipamento e mobiliario nas súas distintas empresas e coa plataforma Universo Driada Vida, que axuda a xerar riqueza no medio rural, enfocando a investigación e a innovación á preservación do medio ambiente.

A curto prazo, Tattoo Contract aspira a consolidarse en Madrid cos espazos expositivos dos que xa dispón, pero sobre todo en impulsar este novo proxecto enmarcado no ámbito da sustentabilidade, que complementa a Tattoo e do que Pablo tamén é CEO.

Tamén pode interesarche