Ao día!
Startups, o motor da innovación
A diferenza das pequenas empresas tradicionais, que se enfocan xeralmente en mercados locais ou rexionais e cuxa evolución adoita producirse a un ritmo máis lento, as startups proxéctanse xa desde o inicio coa intención de operar en mercados moito máis amplos. Unha startup é un tipo de empresa emerxente e habitualmente de base tecnolóxica cuxa posta en marcha implica uns custos moi reducidos.
Mentres que as pemes convencionais requiren o investimento dunha certa cantidade de diñeiro antes do seu lanzamento e é necesario esperar un tempo para comezar a gozar de beneficios, as startups saen rapidamente ao mercado para conseguir o crecemento e financiamento necesarios mediante a transformación dixital.
Pasos para crear a túa propia startup
- Valida a túa idea. Non chega con ter a idea, resulta fundamental validala. Asegurarse de que existe un mercado para o teu produto ou servizo, que a xente está disposta a pagar por el e que resolve un problema real é clave para garantir a viabilidade do teu proxecto. Como facelo? A través de enquisas, entrevistas con potenciais clientes, probas de mercado, etc.
- Elabora un Plan de negocio o máis detallado posible. Define a túa proposta de valor, modelo de monetización, analiza en profundidade o mercado e a túa competencia, deseña estratexias de márketing e vendas que che permitan posicionar o teu produto e estima proxeccións financeiras. O modelo de monetización é especialmente importante, xa que a estratexia sobre como a túa startup vai xerar ingresos é esencial para garantir o funcionamento do proxecto.
- Conforma un bo equipo. As startups necesitan un equipo con habilidades complementarias, o que inclúe non só as habilidades técnicas para facer realidade o teu produto ou servizo, senón tamén habilidades en vendas, márketing, finanzas e xestión de operacións. Un equipo forte e diverso pode ser un factor crucial no éxito do teu startup.
- Desenvolve o produto e un MVP (produto mínimo viable). Desenvolver un MVP permíteche lanzar o teu produto ao mercado coas características esenciais para recibir retroalimentación temperá dos usuarios reais. Deste xeito, poderás realizar pequenas modificacións e melloras rapidamente antes de investir nun desenvolvemento de produto máis robusto.
- Define a túa fonte de financiamento. Para obter o capital necesario que permita ao teu startup medrar existen diversas opcións: fondos propios, préstamos bancarios, investidores anxo, crowdfunding ou capital de risco. Cada fonte de financiamiento ten as súas propias vantaxes e desvantaxes e a elección depende totalmente do modelo de negocio e as súas necesidades específicas.
- Escala e potencia o crecemento. Unha vez que o teu produto ou servizo está validado e comeza a xerar ingresos, é o momento de pensar en escalar. O principal atributo dunha startup é a velocidade e a capacidade coa que pode medrar e xerar ingresos dunha forma rápida, incrementando exponencialmente a súa produción e vendas sen necesidade de aumentar os seus gastos. Isto pode implicar a expansión a novos mercados, o aumento da base de clientes ou mesmo o desenvolvemento de novos produtos ou servizos.
- Avalía resultados e realiza os axustes necesarios. A iteración é unha parte fundamental do proceso dunha startup. Baseándose na retroalimentación dos clientes e os resultados financeiros, deberás reaxustar o teu produto, estratexia de mercado e modelo de negocio segundo sexa necesario.
Vantaxes respecto á empresa tradicional
- Escalabilidade: As startups están deseñadas para crecer rapidamente, o que se traduce nun retorno do investimento moito maior que nas empresas tradicionais.
- Innovación: Dado que as startups adoitan estar centradas na resolución de problemas novos ou non satisfeitos, fomentan a innovación e poden introducir novas tecnoloxías e modelos de negocio no mercado.
- Flexibilidade: As startups son xeralmente máis áxiles e poden adaptarse máis rapidamente aos cambios do mercado ou á retroalimentación dos clientes.
- Atracción de talento: As startups a miúdo atraen a individuos talentosos e emprendedores que buscan desafíos e a oportunidade de ser parte de algo novo e emocionante.
- Incentivos: Os modelos de compensación en startups adoitan incluir accións ou participacións na empresa, o que pode ser moi lucrativo para os empregados se a empresa ten éxito.
A Xunta de Galicia impulsa a creación de startups a través de diversas iniciativas, por exemplo a súa liña de apoios para cubrir 100% dos gastos da posta en marcha ou o afianzamento das startups galegas ata un máximo de 20.000€, dotada con 1,5 M€ de orzamento, ou a Axenda Startups Galicia 2022-2024, un paquete de medidas que suma case 15 M€ para favorecer o crecemento das empresas de base tecnolóxica e fomentar a creación de riqueza e emprego.
Ademais, as startups galegas teñen tamén á súa disposición as chamadas business factories, programas de aceleración de empresas de diferentes sectores, como a alimentación (Business Factory Food), automoción (Business Factory Auto) ou a aeronáutica (Business Factory Aero); así como a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; e outras iniciativas como ViaGalicia.