Ao día!
Galicia supera os 30.000 millóns de euros en exportacións en 2023
A economía galega demostra novamente a súa fortaleza e dinamismo ao rexistrar un aumento do 0,5% nas súas exportacións en comparación co ano anterior, superando por primeira vez os 30.000 millóns de euros. Este crecemento resulta moi significativo tendo en cuenta o conxunto de España (que rexistrou unha caída das exportacións do 1,4%) e dos desafíos económicos globais, entre os que se atopan a fluctuación dos mercados internacionais e as incertezas políticas, entre outros.
A distribución das exportacións galegas segue moi concentrada en Pontevedra e A Coruña, situándose como a terceira e quinta provincias exportadoras españolas.
Os sectores que tradicionalmente impulsaron as exportacións galegas, como a pesca, a automoción e o téxtil, continúan sendo os piares desta expansión. Con todo, o crecemento tamén foi impulsado polo auxe de sectores emerxentes, que reflicten a capacidade de adaptación e a innovación das empresas galegas.
Concretamente, as manufacturas de consumo (sobre todo téxtil e confección) e o sector automóbil acapararon máis do 45% do total das exportacións. Séguenlles as exportacións de bens de equipo, cuxo peso pasou do 10,9% en 2022 ao 17,5% do total en 2023. Este foi con diferenza o sector máis dinámico, cun crecemento das exportacións do 61,3%, no que sobresae o material de transporte por estrada (+120,3% interanual), que é xa o cuarto subsector exportador tras a confección, automóbiles e produtos pesqueiros.
En canto á distribución xeográfica, a Unión Europea recibiu o 71,4% das exportacións galegas, destacando Alemaña, Francia, Italia e Portugal. Fóra do mercado comunitario, tamén foi reseñable o crecemento das exportacións a Alxeria, México, Marrocos e Arxentina.
Cabe destacar tamén que Galicia conta cun superávit comercial de 9.138,4 millóns de euros, sendo a comunidade autónoma cun balance comercial máis saneado, coas catro provincias con saldo positivo e Pontevedra á cabeza das provincias españolas cun superávit de 5.000 millóns de euros.
Este novo récord de exportacións non só beneficia ás grandes empresas, senón que cada vez son máis as pemes galegas que se consolidan en mercados exteriores. Así, en 2023 as empresas exportadoras regulares ascenderon a 2.693. Isto ten un impacto positivo na economía local a través da xeración de emprego. Ademais, establece unha base sólida para o futuro económico da rexión, promovendo un ambiente favorable para o investimento e a innovación.