Inicio
Actualidade

Ao día!

12/04/2024

Biotecnoloxía galega para o descubrimento de novos fármacos

Comparte este artigo

Oncostellae, participada pola Xunta a través de XesGalicia, é unha das empresas máis competitivas do sector biotecnolóxico galego. A compañía está especializada no desenvolvemento de novos compostos farmacéuticos para o tratamento de intestino inflamado, cancro de colon e enfermidades inmunolóxicas

Oncostellae é unha compañía biofarmacéutica, con sede en Santiago, centrada no descubrimento e desenvolvemento de fármacos candidatos propios, baseándose nunha sólida propiedade intelectual e dereitos mundiais para indicacións inmunolóxicas e oncolóxicas. A empresa foi fundada en 2013 por un grupo de químicos medicinais e farmacólogos liderados polo doutor Julio Castro e a profesora Mabel Louza. “A nosa misión é achegar solucións terapéuticas novas a pacientes que padecen enfermidades cunha elevada necesidade médica non cuberta. Para lograr esta misión, creamos un equipo de científicos experimentados, con coñecementos en diferentes disciplinas e ampla experiencia no descubrimento e desenvolvemento de fármacos”, explica Guido Kurz, conselleiro delegado de Oncostellae.

O seu modelo de negocio aposta por desenvolver compostos novos desde a súa concepción, pasando pola súa optimización no laboratorio e en modelos animais, ata a proba de concepto clínica e, posteriormente, a firma dun acordo de licenza ou de codesenvolvemento cunha empresa farmacéutica que continúe o desenvolvemento clínico, o rexistro e a comercialización do produto. “A cambio, Oncostellae recibe pagos iniciais e por fitos, así como canons sobre as vendas cando o produto chega ao mercado”, explica Kurz.

Principais liñas de investigación

Na actualidade, Oncostellae esá desenvolvendo un fármaco para tratar a colitis ulcerosa e outro para o cancro colorrectal.

“Co noso principal activo, OST-122, prevemos ofrecer aos pacientes que padecen enfermidade inflamatoria intestinal unha solución terapéutica eficaz e segura que mellore significativamente a súa calidade de vida”, explica Guido Kurz. O OST-122 é un inhibidor de quinasas Jak restrinxido ao tracto gastrointestinal para un tratamento máis seguro da enfermidade inflamatoria intestinal sen inducir toxicidade sistémica, a diferenza doutros inhibidores de Jak dispoñibles actualmente. “Completou recentemente un estudo clínico de fase 2 en pacientes con colitis ulcerosa mostrando excelentes datos de seguridade e eficacia preliminar”, avanza.

O segundo fármaco candidato, OST-499, está destinado ao tratamento do cancro colorrectal e outros tumores sólidos. “Trátase dun antagonista dos receptores de glucocorticoides que acaba de completar un primeiro ensaio de fase 1 en humanos e demostrou unha excelente seguridade a tres doses ascendentes”.

Oncostellae recibiu recentemente o premio Startup no marco das Xornadas ‘Investir en ciencia si é rendible. II Encontro do Ecosistema de investimento en Ciencia e Tecnoloxía Deep Tech’, un recoñecemento á súa sólida traxectoria e impacto, na que non faltaron retos que superar. “A posta en marcha de empresas como Oncostellae, dedicadas a un sector de tanto risco pero á vez tan necesario como o descubrimento de fármacos, é moi longo e moi custoso. Quizá este segundo aspecto, o do financiamento, foi o principal reto que superar. Os desenvolvementos abordados desde a empresa, en especial en fases regulatorias, tanto preclínicas como clínicas, supoñen uns grandes desembolsos de financiamento. Para poder levalos a cabo tivéronse que realizar importantes esforzos na captación de financiamento”, detalla. 

Outro importante reto para a empresa veu da man da pandemia do covid-19, que supuxo o peche de todos os ensaios clínicos en España e, unha vez reiniciados, sufriron un incremento dos tempos de recrutamento de pacientes. No caso concreto de Oncostellae conlevou importantes atrasos no período de execución dun dos ensaios clínicos que se estaba levando a cabo nese momento.

Ecosistema biotecnolóxico galego

Como unha das empresas clave do sector biotecnolóxico galego, desde Oncostellae destacan que “nos últimos anos a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, fixo unha importante aposta polo sector da biotecnoloxía, o que implicou que o sector de descubrimento de fármacos viuse enormemente potenciado dentro do ecosistema biotecnolóxico galego”, remarca. “No ecosistema galego pódese atopar unha alta calidade de servizos e colaboracións en síntese química, farmacoloxía in vitro e in vivo, ensaios clínicos etc. Os proxectos de Oncostellae nútrense en boa medida deste ecosistema en todas as súas fases. Cabe destacar neste sentido que o ensaio clínico fase 2 de OST-122 coordinouse desde o Hospital Clínico Universitario de Santiago, que conta con grandes profesionais, líderes de opinión en enfermidades do tracto gastrointestinal”, menciona.

Ademais, destacan que “desde a Xunta de Galicia xeráronse instrumentos de financiamento que encaixaron en gran medida nas necesidades do sector. No caso de Oncostellae, cabe destacar o Programa Conecta Peme, que nos permitiu financiar as primeiras fases de I+D dos programas da compañía; ou ao apoio de XesGalicia como socio de Oncostellae, á que se uniron tamén outros fondos do ecosistema galego como Unirisco Galicia ou recentemente o fondo tamén galego Bio & Tech Smart Capital xestionado por Noso Capital”.

As principais fortalezas de Oncostellae “residen no valor do equipo e a súa experiencia no desenvolvemento de fármacos, así como na rede de colaboradores e investidores”.  Os principais retos da compañía para os próximos anos consisten en avanzar os programas actuais ata alcanzar un acordo de licenza cun terceiro que teña a capacidade suficiente de achegar ao mercado devanditos programas e, cos retornos obtidos, iniciar novos programas que permitan á compañía crecer e consolidarse.

Tamén pode interesarche