Ao día!
Kiwi Atlántico: líder en innovación e desenvolvemento no sector alimentario galego
Desde a súa fundación en 1998, froito da unión de 30 kiwicultores de Galicia e Asturias, Kiwi Atlántico evolucionou ata converterse na principal produtora de kiwi en España e unha das máis importantes de Europa. Actualmente emprega a preto de 100 traballadores e xa superou os 30 millóns de euros en facturación.
Desde Kiwi Atlántico sempre apostaron pola I+D+i como valor estratéxico para mellorar os seus cultivos e procesos, sendo mostra do seu compromiso coa innovación o nacemento de proxectos como a súa planta de liofilización para a elaboración de suplementos alimenticios naturais a partir de kiwi ou a introdución de kiwis vermellos. Ademais, a empresa implementou melloras tecnolóxicas significativas na industria hortofrutícola ao longo da súa traxectoria, como a automatización e mellora da selección do produto ou o aumento da capacidade de conservación e comercialización.
A pesar de que os últimos anos presentaron desafíos significativos para Kiwi Atlántico, principalmente por mor de factores como condicións climáticas adversas ou fluctuacións no mercado global, a cooperativa soubo enfrontalos con éxito e consolidarse no mercado internacional, grazas en parte á súa estratexia de diversificación e o seu enfoque na sustentabilidade. A implementación de prácticas respectuosas co medio ambiente permitiulles non só optimizar o uso da auga e os recursos naturais, senón tamén mellorar as súas técnicas de cultivo e mesmo ampliar a súa gama de produtos. Unha serie de accións coas que ademais de favorecer a conservación do medio ambiente, conseguiron mellorar a súa eficiencia e produtividade, aspectos fundamentais para manter a competitividade no mercado.
Acumulando tres décadas de experiencia ás súas costas, con máis de 70 socios e 20 produtores colaboradores e un futuro cheo de posibilidades, Kiwi Atlántico continúa sendo hoxe en día un referente na industria do kiwi e un orgullo para Galicia, representando o seu compromiso co desenvolvemento local tamén unha parte significativa da súa filosofía corporativa e establecéndose como un importante motor económico da rexión.
A través desta decidida aposta pola calidade, a sustentabilidade e a innovación, Kiwi Atlántico non só se consolidou como líder na produción e comercialización de kiwi, senón que tamén logrou liderar a transformación cara a unha agricultura máis sostible, eficiente e innovadora.
Como empresa tractora da Business Factory Food (BFFood), Kiwi Atlántico desempeña un papel transcendental no ecosistema de innovación alimentaria en Galicia. Esta aceleradora do sector alimentario, impulsada pola Xunta e a Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga), fomenta a innovación a través de programas de apoio ao emprendemento e consolidación de proxectos especializados no sector alimentario e a súa transformación en empresas innovadoras, viables e escalables, proporcionando apoio económico e mentoría. Entre os proxectos destacados en edicións recentes da BFFood, atopamos iniciativas que abordan aspectos tan diversos como a dixitalización dos procesos de cultivo, o desenvolvemento de novos aditivos alimentarios ou mesmo solucións para a xestión de residuos oleosos mariños.
Tanto a súa implicación na aceleradora como a súa participación activa en proxectos de innovación poñen de manifesto o compromiso de Kiwi Atlántico co futuro do sector alimentario, sentando as bases do camiño cara a unha industria máis sostible e tecnoloxicamente avanzada e beneficiando non só á cooperativa e os seus socios, senón tamén impulsando o crecemento e a competitividade do sector agroalimentario galego no escenario internacional.