Inicio
Actualidade

Ao día!

18/04/2024

Lincbiotech, investigación para o diagnóstico e tratamento de enfermidades neurolóxicas

Comparte este artigo

Lincbiotech é unha startup biotecnolóxica galega con sede no parque tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, en Ourense, que, en só catro anos, conseguiu situarse á vangarda do sector. A través da investigación científica aplicada e os últimos avances tecnolóxicos, desenvolve solucións médicas para o diagnóstico e posterior tratamento de enfermidades, principalmente no campo da neuroloxía

Lincbiotech é unha iniciativa conxunta dos Laboratorios de Investigación en Neurociencias Clínicas (LINC), da Fundación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) e dun grupo empresarial galego con ampla experiencia no ámbito dos negocios tecnolóxicos. Desenvolve ferramentas innovadoras para o diagnóstico e tratamento de enfermidades neurolóxicas de alta prevalencia. A empresa aproveita o procesamento avanzado de neuroimaxes, os ensaios in vitro e as técnicas de intelixencia artificial para facilitar o diagnóstico.

Lincbiotech está enfocada en dúas liñas de investigación: unha orientada ao diagnóstico, como as solucións Minerva Stroke e Minerva Spine, e outra ao desenvolvemento de terapias, como é Aptadegrad, unha plataforma flexible desenvolvida para o descubrimento de novos compostos que permiten reducir custos e salvar as limitacións loxísticas nas investigacións de novos medicamentos. 
 
Diagnóstico preciso con Minerva 
Unha das principais contribucións de Lincbiotech é Minerva Stroke, un sistema innovador de apoio á toma de decisións clínicas deseñado para mellorar o manexo de pacientes con ictus. Baseado en algoritmos de intelixencia artificial e procesamento avanzado de imaxes cerebrais, Minerva Stroke proporciona información rápida e precisa sobre as imaxes de tomografía computarizada (popularmente coñecidas como “tac”) e resonancia magnética, facilitando un diagnóstico temperán e unha intervención máis eficaz. 

Cun fluxo de traballo sen fisuras e un software baseado na nube fácil de usar, Minerva Stroke ofrece informes completos en cuestión de minutos, permitindo unha xestión clínica óptima dos pacientes con ictus.

A segunda aplicación de software que Lincbiotech desenvolveu comercialízase baixo a marca Minerva Spine. Neste caso, a aplicación de análise avanzada de imaxes da columna vertebral axuda ao diagnóstico médico, proporcionando achados de biomarcadores precisos e intuitivos. A partir das resonancias da columna vertebral, Minerva Spine proporciona automaticamente informes con achados patolóxicos clave.

Avances para os enfermos de Alzheimer
A enfermidade de Alzheimer (EA) é un trastorno cerebral irreversible e progresivo que destrúe lentamente a memoria e a capacidade de pensar e, co tempo, a capacidade de realizar as tarefas máis sinxelas. Segundo un informe da Alzheimer's Disease International, na actualidade máis de 46 millóns de persoas viven con demencia en todo o mundo, o que supera o total da poboación española.
Cun enfoque no diagnóstico precoz, Lincbiotech sacou ao mercado o kit ELISA, o primeiro produto neste campo que permite diagnosticar o Alhzeimer mesmo nas súas fases máis temperás, o que pode ter un impacto significativo no desenvolvemento e calidade de vida dos pacientes.

Aptadegrad
Lincbiotech lidera desde 2022 un proxecto financiado polo European Innovation Council para desenvolver moléculas (degradadores de proteínas) que freen enfermidades graves. Neste proxecto participa tamén o Grupo de Neuroenvellecemento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e outras catro entidades de Bélxica, Portugal e Reino Unido. 

A convocatoria EIC Pathfinder Open, unha das máis competitivas da Unión Europea, financia proxectos que propoñen a aplicación de tecnoloxía de última xeración para o desenvolvemento de solucións innovadoras para os grandes retos da sociedade europea en ámbitos como a saúde, a enerxía ou o medio ambiente. Dos 858 proxectos presentados, só 57 foron seleccionados, un 7% do total. Foi a primeira vez que a axuda do EIC recae nunha biotecnolóxica con sede en Galicia.

Aptadegrad é unha plataforma de degradación selectiva de proteínas que ofrece unha nova forma de abordar as enfermidades neurodexenerativas. Grazas á súa flexibilidade e eficacia na redución de custos, Aptadegrad preséntase como unha prometedora ferramenta na loita contra as enfermidades neurolóxicas.

Tamén pode interesarche