Inicio
Actualidade

Ao día!

23/04/2024

Entrevista a Alberto Cochón, secretario do Clúster do Ecommerce Galego

Comparte este artigo

“É moi difícil competir sen abrirse ao mundo dixital”

En 2022, o comercio electrónico galego deu un paso clave na súa consolidación como sector co nacemento do Clúster do Ecommerce Galego. A entidade ten como obxectivo incentivar, apoiar e promover o desenvolvemento e expansión do comercio electrónico, así como mellorar a competitividade das empresas asociadas para facer fronte ás novas tendencias de consumo e retos tecnolóxicos.

Con que obxectivos naceu o Clúster e a que empresas aglutina?

O Clúster nace cunha visión compartida de moitas empresas galegas: compartir para competir. Os obxectivos específicos do Clúster son compartir e aprender de experiencias reais, apoiar o desenvolvemento do sector ecommerce en Galicia e fomentar a colaboración entre entidades de diferentes tamaños e formatos, co obxectivo final de mellorar a competitividade dos socios e do sector en xeral en Galicia.

Inicialmente foi fundado por empresas de longa traxectoria como Selmark, Krack ou Don Disfraz, proxectos máis recentes como Fuikaomar, Carrick ou El vino del mes, e marcas moi recoñecidas de alimentación como Cafés Candelas, Aceites Abril ou Martín Codax. Posteriormente uníronse empresas referencia para nós, como Roberto Verino, Paco y Lola, ReiZentolo e moitas máis.

Cales son os principais desafíos comúns que enfrontan as empresas dentro do sector do comercio electrónico na actualidade?

O principal desafío é a rendibilidade. Tras anos de crecemento, xa é unha parte importantísima de todas as empresas, cunha media do 30% de vendas que se pechan en dixital. Pasou de ser un investimento para unha canle futura a unha realidade presente con volume importante e que, por tanto, debemos rendibilizar ao máximo, para que non penalice a rendibilidade global. Neste aspecto as devolucións xogan un punto crítico. É un desafío tamén a captación de novos usuarios, onde as principais plataformas como Google Ads ou Meta levan anos subindo o custo. 

Como valora o grao de implantación do ecommerce no sector retail galego? Ter un bo ecommerce é clave para a competitividade das empresas a nivel local e global?

No sector retail, en concreto, hai empresas en Galicia cunha longa traxectoria en ecommerce: proxectos maduros que xa teñen clara a súa visión e modelo de negocio dixital. É un sector con alta implantación do ecommerce, tanto en retailers grandes como en puntos de venda máis pequenos, onde hai moi bos exemplos de como puideron evolucionar grazas ao comercio electrónico. Onde vemos un maior potencial de desenvolvemento é en pequenos negocios de nicho, cun público moi concreto, que só necesitan atopar o seu espazo dixital, onde haberá moitos exemplos no futuro de casos de éxito.

Que retos implican a loxística e a distribución no comercio electrónico?

Como tendencia de mercado vemos que creceu en xeral a porcentaxe de devolucións nos últimos anos. Hai plataformas ou marketplaces onde chegan a ser o 30% das vendas, do mesmo xeito que hai ecommerces que teñen menos dun 5%. O usuario compra e tamén devolve máis compulsivamente. A dificultade aumenta cando aumenta o volume total. Tendo un 30% de vendas en dixital, estamos a falar de complicacións importantes, como reacondicionamiento do produto, sobre todo en moda, ou dispoñibilidade do stock, xa que un importante volume de stock deixa de estar dispoñible e retorna en momentos onde xa a súa venda pode ser máis baixa. 

Cal é a importancia do márketing dixital e a presenza en liña para as empresas que operan no comercio electrónico?
O márketing dixital é a enerxía de calquera ecommerce, é o aspecto máis core. Require moita estratexia, tempo e constancia. O máis clave son as redes sociais: creación de contido que conecte co noso público obxectivo, a execución de campañas, colaboracións con influencers e todo isto empuxado por publicidade dixital, como social paid e/o google ads.

Cales son as estratexias máis efectivas para impulsar a confianza do consumidor nas transaccións en liña e mitigar os riscos de seguridade?

En poucos anos este aspecto evolucionou de forma importante. Os usuarios xa confían máis nas transaccións en liña, xa vemos pouca desconfianza. Medios de pago como Bizum, Apple Pay ou Google Pay trouxeron máis seguridade e, sobre todo, máis facilidade para as transaccións. O que é importante é que o cliente elixa que medio de pago prefira, darlles todas as opcións posibles.

Que consellos daría ás empresas que están a considerar abrirse ao comercio electrónico ou expandir a súa presenza en liña?

É xa evidente que o ecommerce non é unha tendencia, senón unha realidade cun volume importante, por tanto é moi difícil competir sen abrirse ao mundo dixital. Doutra banda, isto xerou que a captación de tráfico dentro do noso público obxectivo sexa cada vez máis cara e complicada. Proxectos baseados en investimentos importantes de captación foron perdendo rendibilidade estes últimos anos por este incremento de custos. 

Recomendaríalles, en primeiro lugar, desenvolver ben todo o relativo a público obxectivo e ao márketing estratéxico.

Unha vez que temos isto claro seguiría por desenvolver as nosas redes sociais en orgánico, comezar con colaboracións con influencers e, sobre todo, microinfluencers, xa que mesmo con orzamentos moi baixos é posible). A partir de aquí, con audiencias máis segmentadas, comezaría con investimentos en Social Paid. Tamén é importante a selección da plataforma de comercio electrónico. Creo que agora mesmo Shopify é a mellor opción para a maioría dos ecommerce. 

Vivimos unha realidade moi cambiante e volátil, onde aparecen continuamente novas solucións, á vez que cambia moi rápido o mercado. Por tanto, ter preto empresas e outros proxectos, coas que compartir os erros e acertos, fai que nos sexa máis eficaz e eficiente o acertar co que necesitamos, que será diferente para cada proxecto. Aquí é onde está a maxia de interpretar as nosas necesidades con experiencias compartidas e que conecta co obxectivo principal do Clúster do Ecommerce Galego: compartir para competir.

Tamén pode interesarche