Ao día!
A Real Academia Galega de Ciencias lanza en colaboración coa Xunta unha nova convocatoria de Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2024
Desde a súa primeira edición no ano 2015, os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia repartiron máis de 185.000 euros en recoñecemento ás mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía.
A iniciativa, organizada pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co apoio da Xunta de Galicia, xorde ao redor da premisa de que a adecuada transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo está considerada como unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. Trátase de procesos que convén recoñecer a través de casos de éxito e deben ser trasladados á cidadanía para que poidan servir de referente tanto para investigadores como para empresarios galegos.
Premios 2024
Nesta décima edición, os premios divídense en dúas categorías diferentes:
- Premio “Francisco Guitián Ojea”, que busca premiar un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Debe tratarse dun traballo inédito ou publicado despois de 2021. Valorarase, ademais do traballo de investigación en si mesmo, a presentación de potenciais indicadores da calidade do traballo (índices de impacto, citas recibidas etc.)/ etc.).
- Premio “Fernando Calvet Prats”, destinado ao creador da tecnoloxía transferida, para un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa, sendo válido calquera mecanismo de transferencia desde o grupo á empresa (adquisición de patente, proxecto conxunto, spin-off etc.)/ etc.). Ademais do proxecto, terase en conta a presentación de evidencias do éxito da transferencia (contratos de transferencia, patentes, abono de regalías, vendas, impacto en facturación etc.)/ etc.).
Ambas as categorías están dotadas cada unha delas cun premio que ascende aos 5.000 euros e un diploma acreditativo e poderá presentarse todo o persoal adscrito a centros de investigación situados en Galicia, incluídos os centros tecnolóxicos, entre eles grupos de investigación de universidades, fundacións sanitarias, organismos públicos e privados de investigación de ámbito estatal ou autonómico… En ningunha das dúas modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que xa recibisen o premio nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da RAGC.
Como participar?
O prazo abriuse o pasado 1 de marzo e aceptaranse solicitudes ata as 15:00 h do próximo 30 de abril. As candidaturas han de tramitarse de forma telemática, a través dun formulario específico para cada categoría habilitado nas webs da RAGC e de Gain.
No devandito formulario, ademais dos datos básicos, deberase achegar unha memoria descritiva dunha extensión máxima de 10 páxinas e os documentos acreditativos (todo nun único arquivo en formato PDF e cun tamaño non superior aos 5 MB).