Inicio
Actualidade

Ao día!

06/05/2024

PlaceIn: a revolución tecnolóxica na hostalería

Comparte este artigo

Fundada en 2022 e con oficina en Ou Milladoiro (Ames), a empresa PlaceIn propúxose revolucionar o sector ofrecendo solucións tecnolóxicas integradas para mellorar a eficiencia e a experiencia do cliente nos establecementos de hostalería

PlaceIn conta cun equipo directivo que acumula máis de 20 anos de experiencia no sector da dixitalización de restaurantes. O seu enfoque vai máis aló de simplemente proporcionar tecnoloxía: a empresa busca ser un aliado do sector da hostalería, comprometido con mellorar o benestar dos restaurantes, cafeterías e bares. O seu obxectivo é axudar a automatizar tarefas e procesos, reducir custos operativos e fomentar a profesionalización do sector. “O sector da restauración necesita máis dixitalización, tanto en Galicia como noutros puntos do territorio español. Durante a pandemia, moitos restaurantes implementaron sistemas de pedidos para levar e para recoller, cartas a consultar a través de códigos QR ou reservas para controlar aforos en tempo récord. Todo isto demostrou que a tecnoloxía axuda enormemente a facer máis competitiva a hostalería e aqueles restaurantes que a implementaron saíron mellor da crise que aqueles que seguiron de costas á tecnoloxía”, explica Lucía González, directora de Marketing e Comunicación de PlaceIn.

O nome "PlaceIn" reflicte a filosofía da empresa, que ofrece oito solucións tecnolóxicas completamente integradas e comunicadas para beneficio dos seus clientes. Entre elas destaca a Carta Dixital, que permite aos usuarios acceder á oferta do restaurante desde os seus dispositivos móbiles, facilitando a xestión de pedidos e reservas. Esta integración tecnolóxica non só axiliza os procesos internos do restaurante, senón que tamén mellora a experiencia do cliente ao proporcionar información detallada sobre os produtos e ofrecer opcións de pedido e pago desde a mesa. Ademais da Carta Dixital, PlaceIn ofrece unha variedade de solucións que abarcan desde sistemas de reserva e pago ata ferramentas de análises de datos e márketing. O obxectivo de todas elas é ofrecer solucións de xestión aos establecementos de hostalería, independentemente do seu tamaño, para optimizar as súas operacións, aumentar a eficiencia e ofrecer experiencias personalizadas aos seus clientes, redundando así nunha maior fidelización.

“Normalmente, os pequenos hostaleiros ocúpanse da contratación da tecnoloxía que necesita o seu restaurante ou cafetería, da xestión dos seus equipos, da contabilidade... Carecen de tempo e están a moitas tarefas á vez, polo que valoran enormemente unha empresa onde poidan atopar un punto de venda, unha carta dixital, sistemas de pedido e pago, delivery e take away”, detalla Lucía González. “Ao principio, algúns cren que estas solucións son moi difíciles ou caras, ou que xa non están para aprender. Nós sempre respondemos en que fagan a proba durante un tempo en concreto dunha carta dixital combinada coa súa carta tradicional e que comproben por eles mesmos o esforzo que lles supón versus o beneficio que lles achega. Non teñen nada que perder e si moito que gañar".

Co seu enfoque centrado no cliente e o seu compromiso coa innovación, PlaceIn acompañou desde a súa fundación a centenares de negocios no seu proceso de dixitalización, entre as que destacan empresas como Coca-Cola Europacific Partners, Larrumba, Grupo Carbón e Hoteis Attica 21. “Actualmente estámonos enfocando na implementación de todas estas ferramentas en diferentes negocios, non só hostaleiros, senón tamén en festivais e eventos deportivos, en hotelaría, en espazos de cátering e foodtrucks. O ano pasado terminamos con máis de 2.000 clientes e este ano o reto é triplicar este número e afianzar a nosa presenza en toda España”.

O futuro pasa pola dixitalización

A restauración en España pechou 2023 cun incremento da súa facturación do 10,7%, segundo os datos da Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC), que mostran que o gasto dos españois en bares e restaurantes segue crecendo, tras alcanzar os 41,6 millóns de euros, o 10% máis que en 2022. “En España, o tecido da restauración está a cambiar. Estamos a ver que nacen novas cadeas e franquías, a chamada hostalería organizada, con procesos moi estruturados e que toman decisións en base aos datos, e que os restaurantes máis pequenos e de toda a vida empezan a implementar sistemas de reservas, punto de venda, cartas dixitais ou a enxeñería de menú”, avanza Lucía González. “Se falamos sobre as experiencias e tecnoloxías, o restaurante do futuro estará conectado e todo o que sucede nel xerará datos moi valiosos que achegarán información de negocio para o hostaleiro. Aí é onde achegamos valor. En todo momento un hostaleiro pode saber o número de persoas que se pasaron polo seu local, os produtos máis vistos e os máis vendidos, as zonas desde onde recibe máis pedidos delivery, os tickets medios por número de comensais ou as formas de pago máis populares”, conclúe.

Tamén pode interesarche