Inicio
Actualidade

Ao día!

08/05/2024

O investimento en I+D+i como clave estratéxica para a competitividade empresarial

Comparte este artigo

Nun mercado totalmente condicionado pola imparable evolución tecnolóxica e a constante transformación das preferencias dos consumidores, apostar pola ciencia integrándoa na estratexia empresarial resultará un acerto para calquera tipo de organización

Nun contexto como o actual, no que o futuro das empresas oriéntase cada vez máis cara á innovación, a súa capacidade para investir intelixentemente convértese nun factor fundamental á hora de definir o seu posicionamento a nivel global e non cabe dúbida de que investir en Investigación, Desenvolvemento e innovación (I+D+i) potencia a competitividade das empresas e contribúe a mellorar a calidade dos produtos. 

Consciente desta realidade, a Xunta de Galicia proporciona ás empresas a través de diferentes programas de apoio as ferramentas necesarias non só para enfrontar os retos asociados ao investimento en innovación, senón tamén para aproveitar ao máximo as oportunidades das que dispoñen.

O investimento en Investigación, Desenvolvemento e innovación convértese, por tanto, nunha estratexia crave para posicionarse nun mercado globalizado e cada vez máis competitivo. A I+D+i engloba procesos que, aínda que distintos nos seus obxectivos e enfoques, compleméntanse para impulsar o crecemento empresarial. Mentres que a investigación busca adquirir novos coñecementos, o desenvolvemento consiste en aplicar eses coñecementos para por exemplo a creación de novos produtos ou procesos ou a mellora dos mesmos. Pola súa banda, a innovación será clave para introducir eses novos produtos ou procesos no mercado. Anticiparse ás tendencias leva implícito fomentar a nosa competitividade, permitíndonos responder con axilidade ás demandas do consumidor e diferenciarnos claramente do resto de competidores. 

A optimización da calidade do produto é con frecuencia das primeiras vantaxes visibles de optar polo investimento en I+D+i. Esta aposta permite ás empresas explorar novos materiais, tecnoloxías e métodos de produción, o que se traduce en produtos máis funcionais, duradeiros e atractivos para o consumidor. A satisfacción do cliente, e por tanto, a súa lealdade, increméntase exponencialmente cando unha marca pon á súa disposición produtos que non só cumpren senón que superan as súas expectativas. 

Ademais de mellorar a calidade dos produtos xa existentes e mesmo de ampliar a oferta, o investimento en I+D+i implica xeralmente unha maior eficiencia operativa. A automatización de procesos e a optimización das cadeas de subministración, impulsadas por innovacións en software e hardware principalmente, contribúen a reducir significativamente os custos de produción. Por outra banda, as prácticas empresariais sostibles, tamén resultado da innovación, minimizan o impacto ambiental, incentivan o aforro e atraen a consumidores con conciencia ecolóxica, mellorando consecuentemente a nosa imaxe de marca.

A pesar dos evidentes beneficios que achega, o investimento en I+D+i conleva os seus propios desafíos, por exemplo o alto custo inicial da súa posta en marcha, unha das barreiras máis importantes especialmente para as pequenas e medianas empresas (Pemes). Afortunadamente superar ese obstáculo é posible grazas ás diversas formas de financiamento dispoñibles e as axudas orientadas a impulsar a innovación como as que ofrece a Xunta de Galicia. Programas como InnovaPeme ou DeseñaPeme, pensados especificamente para impulsar a capacidade innovadora das Pemes, establécense como valiosos recursos para que estas empresas poidan levar a cabo os seus proxectos de I+D+i cunha maior seguridade financeira.

O investimento en I+D+i pasa de ser unha mera opción para converterse nunha necesidade estratéxica para aquelas empresas que aspiran a liderar nos seus mercados e a selección meticulosa de proxectos, xunto co aproveitamento deste tipo de apoios pode marcar a diferenza. Adoptar un enfoque estratéxico cara á innovación que priorice proxectos con alto potencial de retorno sobre o investimento é fundamental, asumindo a I+D+i como unha aposta de futuro, imprescindible para garantir o seu crecemento e éxito a longo prazo.

Tamén pode interesarche