Inicio
Actualidade

Ao día!

15/05/2024

Celia, o asistente virtual galego que coida e acompaña a persoas maiores

Comparte este artigo

Desenvolto por atlanTTic co apoio da Xunta a través do programa Ignicia, trátase do primeiro asistente de conversación que permite o uso da voz para poñer a intelixencia artificial ao servizo das persoas

Segundo os datos do INE, en España hai un total de 9,7 millóns de persoas maiores de 65 anos e as previsións sinalan que nas próximas décadas ascenderá ata os 15 millóns. Destas persoas, actualmente máis de 2 millóns viven soas e esta cifra crecerá ata os 7 millóns en 20 anos. Por outra banda, na actualidade non existen mecanismos efectivos de detección temperá para enfermidades cognitivas como o Alzheimer ou a demencia. Con todo, comprobouse que o tratamento en etapas iniciais pode axudar a atrasar a súa progresión e a mellorar a calidade de vida destes pacientes. Neste contexto, nace o proxecto Celia, desenvolto por un equipo multidisciplinar de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. 

“Celia é un asistente virtual intelixente que entretén, acompaña e coida de persoas de idades avanzadas. Para poder ofrecer unha experiencia de usuario óptima emprégase intelixencia artificial xenerativa para as conversacións, pero con modelos que responden adaptándose ao perfil de usuario ao cal se dirixe, sempre baixo a supervisión de xerontólogos”, detalla Francisco Javier González Castaño, director do proxecto. “Ademais, Celia non se limita a responder ao usuario senón que propón actividades e fai preguntas co fin de empatizar. Nesta liña, existen o que chamamos ‘niveis de amizade virtual’ mediante os cales Celia vai gañando confianza co usuario a medida que pasa o tempo”, continúa. 

O principal diferencial é a parte de saúde, xa que Celia analiza as conversacións e a voz para determinar posibles doenzas e alertar ao usuario e/ou os seus familiares e coidadores en caso de detectarse algunha anomalía. Actualmente Celia supervisa aspectos de depresión e ansiedade, intimamente ligados a situacións de soidade non desexada, e tamén posibles indicios de deterioración cognitiva, sempre pensando na prevención e na detección temperá.

Posto que o obxectivo de Celia é entreter, acompañar e coidar das persoas de idades avanzadas, os principais casos de uso céntranse en persoas que viven soas (con ou sen asistencia) e persoas con dependencia que teñen dificultades para socializar; centros de atención a persoas maiores cuxa actividade podería complementar Celia para realizar un seguimento personalizado; e hospitais e centros de saúde, co fin de previr problemas de depresión e ansiedade e tamén axudar a unha detección temperá de enfermidades neurodexenerativas.

Actualmente, Celia está dispoñible como contacto de WhatsApp, simplemente engadindo o número de teléfono +34 655 641 445, ou ben se pode usar a través dunha App que se pode descargar desde Google Play. Tamén se pode usar directamente a versión web: https://celiatecuida.com/app.

“Unha vez creada a conta Celia presentarase e xa se pode conversar con ela de forma natural. Pódese usar a voz (notas de voz en WhatsApp) ou pódese escribir para falarlle. Celia irá guiando ao usuario nas conversacións e facendo propostas”, explica Francisco Javier González Castaño. A parte de conversar sobre calquera tema, entre os contidos específicos que presenta actualmente Celia está a información do tempo, noticias, efemérides e curiosidades, xogos (palabra do día, palabra oculta, sopa de letras e adiviñas) e tamén ofrece a posibilidade de realizar tests de saúde. Ademais, pode lembrar ao usuario que tome un medicamento ou que ten unha cita médica.

Apoio do programa Ignicia

Celia contou co apoio do programa Ignicia, impulsado pola Xunta de Galicia coa colaboración da Fundación Barrié. “O Programa Ignicia proporcionou unha axuda imprescindible para poder valorizar unha tecnoloxía de Celia, debido a que permitiu crear un mínimo produto viable para validalo no mercado”, explica González Castaño. “O que máis valoramos do programa é a posibilidade de contar con partidas específicas para realizar un estudo de mercado, desenvolver un plan de negocio e poder facer difusión do proxecto. Todos estes pasos son fundamentais, pois o obxectivo final é a creación dunha spin-off da Universidade de Vigo que poida comercializar a solución”, continúa.

De cara ao futuro, o seu principal reto tras a gran aceptación e os miles dos usuarios que xa están a interactuar con ela, é potenciar a parte de personalización para que a experiencia de cada usuario sexa única, xunto coa parte de saúde, ofrecendo uns informes de seguimento con información de interese e consellos para o usuario e os seus coidadores (no caso de habelos).

“A medio prazo gustaríanos crecer, captando máis usuarios a nivel internacional, primeiro en Latinoamérica e posteriormente abrirnos a máis países tras ofrecer soporte en inglés”, conclúe.

Tamén pode interesarche