Inicio
Actualidade

Ao día!

22/05/2024

Desenvolvendo unha cultura de eficiencia enerxética nas pemes galegas

Comparte este artigo

O Instituto Enerxético de Galicia establécese como apoio fundamental para aquelas empresas galegas que buscan mellorar a súa eficiencia enerxética, proporcionando recursos e axudándolles a través de programas de asesoramento e financiamento

Nun contexto cada vez máis consciente da importancia da sustentabilidade e a eficiencia enerxética, as pemes galegas enfróntanse ao desafío de atopar o equilibrio perfecto entre a responsabilidade ambiental e a rendibilidade dos seus negocios. 

A eficiencia enerxética non só reduce os custos operativos para as empresas, senón que ademais diminúe a súa pegada ambiental, contribuíndo así á loita contra o cambio climático e mellorando a súa competitividade a longo prazo. 

En pleno proceso de transición cara a un modelo de negocio máis sustentable, as pemes galegas apostan pola implementación de diferentes estratexias para mellorar a súa eficiencia enerxética, como a optimización de procesos ou a adopción de tecnoloxías innovadoras, entre outros.

Como podo mellorar a eficiencia enerxética da miña empresa?

O primeiro paso para calquera empresa que busque mellorar a súa eficiencia enerxética pasa por realizar unha auditoría enerxética. Estas avaliacións exhaustivas identifican oportunidades de mellora, proporcionando unha base sólida para desenvolver unha planificación estratéxica axeitada.

A adopción de tecnoloxías energéticamente eficientes resultará clave para reducir o consumo de enerxía. Desde iluminación LED ata equipos de climatización de última xeración, as pemes galegas están a investir en solucións non só orientadas á redución de custos, senón tamén a mellorar a calidade e o confort no lugar de traballo.

A integración de sistemas de xestión enerxética intelixente permite ás empresas monitorizar o seu consumo de enerxía en tempo real para telo baixo control e poder realizar os axustes pertinentes en calquera momento. Este tipo de ferramentas proporcionan datos valiosos que axudan a identificar patróns de consumo, optimizar o rendemento e tomar decisións informadas para reducir custos.

O papel do Inega, un apoio fundamental

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) desempeña un papel esencial como soporte a aquelas empresas galegas que buscan mellorar a súa eficiencia enerxética, sobre todo á hora de proporcionar recursos e axudándolles neste proceso de transformación a un modelo máis verde e sustentable a través de programas de asesoramento e financiamento.

O Inega ofrece servizos de asesoramento especializado para axudar ás pemes para identificar oportunidades de mellora e desenvolver plans de acción personalizados. Estes servizos inclúen a realización de auditorías enerxéticas, a elaboración de informes de eficiencia enerxética e o asesoramento técnico na selección e implementación de tecnoloxías eficientes.

Por outra banda, en resposta ás dificultades financeiras que enfrontan as pemes, o Inega desenvolveu tamén programas de financiamento para facilitar o investimento en todo tipo de medidas relacionadas coa eficiencia enerxética. Trátase de programas que ofrecen préstamos a baixo interese ou axudas directas para a adquisición de equipos e a realización de melloras enerxéticas.

Ademais de proporcionar apoio financeiro e técnico, o Inega promove a formación e a sensibilización respecto á eficiencia enerxética entre as empresas galegas través de talleres, seminarios e campañas de concienciación, orientando ás empresas sobre as mellores prácticas para conseguir o aforro enerxético e axudándolles a desenvolver unha cultura de sustentabilidade nas súas contornas de traballo.

Tamén pode interesarche