Ao día!
Pioneiros na innovación de téxtiles técnicos en Galicia
A empresa morañesa Vertifil Industrial, especializada na fabricación de téxtiles técnicos, aborda co apoio do programa InnovaPeme da Xunta un ambicioso proxecto de transformación dos seus procesos e estruturas de innovación a través da incorporación de tecnoloxías facilitadoras esenciais e innovación aberta
Vertifil Industrial forma parte do grupo Vertisol Internacional SRL, que desde a súa fundación en 1982 destacou polo seu enfoque na sustentabilidade e a innovación. A planta de Moraña, inaugurada en 2004, é unha das máis avanzadas en Europa para a produción de fiaturas e tecidos de poliéster de alta tenacidade con recubrimentos vinílicos. Esta instalación, non só permitiu á compañía manter un alto estándar de calidade, senón tamén implementar prácticas sustentables, como a instalación de máis de 600 placas solares en 2021 para reducir o seu impacto ambiental.
O compromiso de Vertifil coa innovación e a sustentabilidade reflíctese nos seus constantes esforzos por mellorar os procesos e produtos que ofrece, aliñándose coas demandas actuais do mercado e as expectativas da comunidade. De feito, varios dos seus materiais innovadores, como o pavimento vinílico con redución acústica e os paneis acústicos modulares, están agora depositados na Materioteca de Galicia, un espazo posto en marcha pola Xunta en 2018 crucial para promover o uso de novos materiais entre as empresas galegas.
Co apoio de programas como InnovaPeme, ademais de reforzar a súa capacidade de innovación interna, Vertifil contribúe activamente ao desenvolvemento económico e tecnolóxico de Galicia, afianzando o seu papel como líder na industria de téxtiles técnicos a nivel internacional.
Grazas a InnovaPeme, Vertifil Industrial fixo realidade a implementación nos seus procesos de tecnoloxías facilitadoras como Big Data, intelixencia artificial e automatización, o que lle permitiu non só optimizar a produción e o control de stock, senón tamén lanzar ao mercado o seu novo produto Stone FG, un innovador tecido exterior con alma de fibra de vidro e realizar avances en canto ás propiedades ignífugas dos seus tecidos co fin de adaptarse á normativa europea e a certificados de sustentabilidade.
A axuda proporcionada pola Axencia Galega de Innovación (Gain), que superou os 93.000 euros dun orzamento total de 187.000 euros, evidencia o compromiso da Xunta de Galicia co fomento da innovación tecnolóxica no tecido empresarial local.
A curto-medio prazo, a compañía contempla tamén a realización de adaptacións tecnolóxicas para a diversificación produtiva e a posibilidade de levar a cabo estudos de viabilidade técnica para os novos produtos, asegurando desta maneira a continuidade na súa evolución cara á vangarda do sector téxtil técnico e a súa competitividade nun mercado global cada vez máis esixente.