Ao día!
Galicia, á vangarda da saúde das mascotas
O grupo biotecnolóxico pontevedrés Zendal aglutina distintas empresas especializadas en saúde humana e animal, e segue a estratexia global One Health, un concepto que defende a interrelación entre a saúde das persoas, os animais e o medio ambiente. Neste contexto, unha das súas filiais é Petia Vet Health, nacida en 2017 co fin de ofrecer alternativas innovadoras aos profesionais do coidado das mascotas. Como especialistas en saúde animal, desenvolven e comercializan servizos e produtos veterinarios de gran calidade para que os resultados sexan óptimos e os procesos, o menos invasivos posible.
Entre a súa gama de produtos, contan con suplementos nutricionais para cans e gatos que poden completar a súa alimentación diaria e favorecer ao seu sistema inmunolóxico, así como outros específicos para o coidado da súa hixiene. Tamén contan cunha liña específica para profesionais veterinarios, como instrumental e material cirúrxico, equipamento especializado para clínicas ou tests de diagnóstico rápidos para cans e gatos
Trátase dun campo en pleno auxe e con grandes perspectivas de crecemento. Cada vez hai máis animais de compañía nos fogares españois e, por iso, o sector profesional relacionado con estes continúa afianzándose. Só no ámbito veterinario, en 2023 a actividade económica xerou 2.300 millóns de euros, con 10.636 empresas e 6.700 clínicas.
A primeira vacina contra a leishmaniase
Recentemente, a empresa conseguiu un fito na vacunoloxía animal situando a biotecnoloxía galega á vangarda, co lanzamento ao mercado Neoleish, a primeira vacina no mundo dirixida a combater unha das infeccións máis devastadores e mortais nos cans: a leishmaniase.
A vacina desenvolvida polo grupo Zendal xunto a un equipo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) reduce nun 90% a presenza do parasito en cans, que son os seus principais portadores e principal reservorio da leishmaniase visceral. A vacina activa especificamente a vía celular de defensa nos animais infectados e diminúe a presenza do parasito dentro das células dos cans vacinados. Ademais, permite a inmunización activa de cans negativos a leishmania a partir dos 6 meses de idade, para reducir o risco de desenvolver unha infección activa e/ou a enfermidade clínica tras a exposición a leishmania infantum.
Trátase dunha tecnoloxía innovadora e eficiente que abre tamén o camiño para a súa aplicación noutras infeccións, tanto humanas como animais.