Ao día!
Arzeos, a avioneta ultralixeira deseñada e fabricada en Galicia
Arzeos Aircraft naceu en 2019 co propósito de fabricar a avioneta que José Maceiras, CEO da iniciativa, levaba deseñando dende 2016 movido pola idea de que había moita marxe de mellora no sector das aeronaves ultralixeiras. Maceiras, que ademais de enxeñeiro é piloto das mesmas, observaba que todos os deseños tiñan máis de 20 anos e que non evolucionaran ao ritmo das novas tecnoloxías.
Arzeos é unha aeronave de 600 kg de peso máximo ao despegue, biplaza e de ala baixa que se pode pilotar con licenza de ultralixeiro. Incorpora novos mecanismos de seguridade pasiva e innovacións nas áreas de aerodinámica e ergonomía que supoñen unha mellora relevante na operación de voo e na seguranza dos ocupantes. “Ademais disto, deseñamos un sistema de monitorización da aeronave e o seu entorno mediante o uso de intelixencia artificial. Así mesmo, estase a desenvolver un proceso de fabricación que permitirá ofrecer a aeronave a un prezo máis económico que a competencia”, detalla o seu promotor.
Arzeos é unha aeronave destinada a uso deportivo e de ocio, aínda que tamén teñen pevisto que se poida utilizar para a actividade de formación nas escolas de voo. Construída en Silleda, recentemente tiveron a oportunidade de presentar o prototipo en Alemaña, no marco da feira AERO Friedrichshafen. “O resultado superou as nosas expectativas. A aeronave xerou moito interese porque iamos con algo novo e a xente trasladounos o seu abraio polo deseño e calidade da fabricación. Regresamos con moitos contactos interesados en probar o avión e ata compralo, aínda que queda por diante o proceso de certificación”, comenta.
Arzeos Aircraft é unha das empresas participantes na presente edición da Business Factory Aero, a aceleradora do sector aeroespacial da Xunta, na que recibiu 40.000 euros de apoio económico directo. “Participar na aceleradora estanos dando o impulso que precisábamos, xa que traballamos todos os puntos para levar adiante o proxecto con formación e mentorización en ámbitos clave, apoio na búsqueda e acceso a financiación, así como networkings que nos achegan tanto a empresas xa consolidadas como a emprendedores coma nós dos que aprendemos moito e cos que podemos xerar sinerxias”, resalta José Maceiras.
Ademais, a startup foi unha das 126 financiadas no programa Neotec 2021 do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), que apoia a empresas de recente creación con proxectos tecnolóxicos con gran potencial de crecemento, onde competiu con solicitudes de todo o territorio español; e acaba de obter unha axuda a startups do Igape, que apoia aos emprendedores innovadores cubrindo investimentos e gastos de lanzamento e consolidación dos proxectos. Tamén obtivo a certificación de Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica da Xunta de Galicia en 2019, no ano da súa creación.
Actualmente, desde Arzeos traballan no prototipo para preparalo para as primeiras probas de voo. Logo diso, o seguinte paso da súa folla de ruta será comezar coa certificación para poder comercializalo.