Ao día!
Wovo, a alternativa galega aos lácteos feita de clara de ovo
Mundo Healthy é un exemplo paradigmático de como a innovación pode transformar unha peme familiar con máis de 80 anos de historia situándoa á vangarda da industria alimentaria.
A nova iniciativa foodtech botou a andar en 2018 cando o grupo Campomayor, con sede en Palas de Rei (Lugo), licenciou unha patente rexistrada polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), baixo a dirección da investigadora Marta Miguel e a colaboración do chef Mario Sandoval. Esta patente profundaba en como romper a proteína da clara do ovo (utilizando a mesma tecnoloxía que se emprega para elaborar a bebida sen lactosa ou a de avea) para obter novas matrices alimentarias. “O principal reto para pasar da patente do CSIC ao mercado foi a transformación dun descubrimento científico nun produto comercialmente viable e atractivo para os consumidores. Este proceso implicou múltiples desafíos, incluíndo a optimización do proceso de produción, a garantía da calidade e seguridade do produto entre outras moitas cousas”, detalla Sofía Pérez Fórneas, directora de negocios e crecemento da marca.
O departamento de I+D+i de Campomayor xogou un papel crucial neste proceso. “O equipo traballou en estreita colaboración cos científicos do CSIC e universidades e centros tecnolóxicos como Ainia, Aplta (USC) ou Foodtech, para axustar e perfeccionar a tecnoloxía, asegurando que o produto final non só cumprise cos estándares de calidade, senón que tamén fose competitivo no mercado. Ademais do departamento de I+D, a área de márketing e desenvolvemento de negocio tamén foron fundamentais neste proceso” continúa.
A incorporación de perfís con experiencia e cualificados nestas áreas permitiu abordar os desafíos desde unha perspectiva integral. “Formar e constituír o equipo desde cero dentro da empresa foi unha tarefa esencial para garantir o éxito do proxecto. A combinación dun equipo de I+D+i forte e unha área de márketing e desenvolvemento de negocio eficaz permitiu a Campomayor transformar a patente do CSIC nun produto innovador no mercado, establecendo unha base para o crecemento futuro”, destaca. Nacía así Mundo Healthy e a súa marca estrela: Wovo.
O ovo, unha nova materia prima innovadora
Wovo conta cunha gama de produtos únicos no mercado, de orixe 100% natural, a base de clara de ovo, que se expón como unha alternativa aos lácteos e ao mundo vexetal. Trátase dunha familia de produtos sen lactosa, sen glute, sen graxas e sen azucres, pero de aparencia e textura similar ao leite e os iogures, que se suman ao mercado dos produtos alimentarios máis saudables e innovadores. Ademais, conta con proteínas de alto valor biolóxico e aminoácidos esenciais presentes na clara do ovo. Actualmente, comercializan bebidas (orixinal e sabor cacao) e sobremesas fermentadas, en versión orixinal, amorodo e maracuxá.
“A innovación liderada por Wovo ten un impacto significativo para Galicia e para o sector alimentario da nosa comunidade. En primeiro lugar, representa un avance na diversificación e sofisticación da industria alimentaria galega, posicionándoa como unha rexión innovadora e competitiva a nivel nacional e internacional. Ademais, a capacidade de innovar desde o rural desafía a percepción tradicional da innovación limitada ás grandes cidades”, detalla Sofía Pérez Fórneas. “Este tipo de proxectos impulsan o desenvolvemento de capacidades técnicas e científicas na rexión, fomentando a colaboración entre institucións académicas, centros de investigación e a industria. O intercambio de coñecementos e a cooperación entre estes actores son fundamentais para manter o dinamismo e a competitividade do sector alimentario galego”, continúa. Esta innovación ofrece un modelo de como a tecnoloxía e a investigación poden transformar produtos tradicionais e crear novas categorías de alimentos. “Isto non só aumenta o valor engadido dos produtos galegos, senón que tamén abre novas oportunidades de mercado, especialmente en segmentos de consumidores que buscan alimentos máis saudables, sustentables e funcionais”.
A revolución que supuxo Wovo no mercado e a súa innovación disruptiva ten recibido múltiples recoñecementos. O máis recente deles foi na última edición da Feira Alimentaria, onde recibiron o premio á startup innovadora 2024. Ademais, Wovo obtivo en 2023 o premio de innovación no Salón Gourmet, o primeiro premio Galicia Alimentación a produto innovador e foi recoñecido o seu traballo de marca nos Premios Paraugas, que contan o apoio da Axencia Galega de Innovación, co galardón a Mellor Campaña.
Ademais, neste 2024 recibiron o Premio Innoval á startup máis innovadora na Feira Alimentaria (referente a nivel nacional) e acaban de ser recoñecidos en maio cunha das 100 mellores ideas de innovación do noso país por Actualidade Económica. A medio prazo, Wovo enfronta varios retos clave para consolidar a súa posición no mercado e continuar crecendo. Un dos principais desafíos é a simplificación da estrutura de custos e cadea de subministración, optimizando a loxística e establecendo relacións sólidas con provedores estratéxicos.
Outro reto importante é ampliar a presenza de Wovo en mercados nacionais e internacionais mediante unha estratexia de márketing sólida e adaptada ás particularidades de cada mercado, así como establecer alianzas estratéxicas con distribuidores e retallistas. “A innovación continua é crucial para manter o liderado no sector, o que require un investimento constante en I+D+i e comunicación. A innovación disruptiva, que inicialmente atrae aos early adopters, debe seguir evolucionando para atraer á maioría temperá e tardía do mercado, consolidando unha nova categoría de produtos e asegurando que Wovo siga sendo percibida como unha marca pioneira e líder”, avanza Sofía Pérez. “A construción e expansión dun proxecto como Wovo require un investimento considerable, desde o desenvolvemento de infraestruturas ata a creación dunha rede de distribución efectiva. A aposta estratéxica implica investir en tecnoloxías e procesos, así como en talento humano, para profesionalizar cada área e asegurar o éxito a longo prazo. Enfrontar e superar estes retos permitirá a Wovo non só consolidar a súa posición no mercado, senón tamén liderar a innovación no sector alimentario, contribuíndo ao desenvolvemento económico e tecnolóxico de Galicia”.