Inicio
Actualidade

Ao día!

13/06/2024

Entrevista a Alberto Álvarez, responsable de patentes e marcas en Álvarez Real

Comparte este artigo

“As patentes, marcas e deseños son un indicador do carácter innovador das empresas”

Más de 4.000 expedientes en 140 países avalan a traxectoria de Álvarez Real. Este despacho multidisciplinar foi a primeira axencia oficial de propiedade industrial 100% galega. Ademais de rexistrar marcas, patentes, deseños, dominios ou dereitos de propiedade industrial, realiza un labor esencial: vixía as ideas para que ninguén as roube, un aspecto clave para protexer a innovación desenvolvida polo tecido empresarial.

Como de importante é protexer os dereitos de propiedade industrial para o tecido empresarial? É algo do que as empresas galegas son conscientes?

Coa protección de patentes, marcas, deseños e outros dereitos de propiedade intelectual, o seu propietario obtén un dereito de exclusiva, que lle permite ser o único que utiliza unha determinada tecnoloxía (patentes ou modelos de utilidade), marca ou deseño, polo que a súa protección ten un gran impacto na competitividade da empresa. 

Por unha banda, as patentes, marcas e deseños son un indicador do carácter innovador das empresas, o que xa de por si ten gran importancia, pero ademais son o único mecanismo que permite evitar que a competencia copie as nosas iniciativas. É dicir, calquera innovación dos nosos produtos, se non está protexida, poderá ser copiada por calquera libremente, sen que teñamos ningún dereito polo mero feito de ser o seu creador. 

Polo xeral, as empresas en Galicia non son demasiado proteccionistas, e isto desde logo, xoga en contra da súa competitividade. 

Ademais de rexistrar marcas, patentes, deseños e dominios, que outros servizos ofrece Álvarez Real para protexer os activos intanxibles dos seus clientes?

Cada activo intanxible ten unha forma diferente de protección, as marcas e nomes comerciais protexen os signos cos que se identifican os produtos e servizos das empresas; as patentes e modelos de utilidade fano coas innovacións técnicas, os deseños industriais, as innovacións en deseño ou os dereitos de autor a propiedade sobre as obras. 

Pero existen outros mecanismos que protexen os nosos activos intanxibles, como o segredo empresarial, que permite protexer calquera activo inmaterial que supoña un valor para a empresa, aínda que debemos ter en conta que todo aquilo que non se pode manter en segredo, non poderá protexerse a través desta figura. 

Os dominios da internet achegan protección da nosa presenza na internet, pero debemos ter en conta que os mesmos non nos outorgan un dereito de uso, polo que, se existe unha marca similar, non poderemos utilizar o noso dominio para os mesmos produtos e servizos, de forma que o titular dun dominio deberá protexer igualmente a súa marca, coa que se obtén un dereito de uso exclusivo. 
 
Con máis de 4.000 expedientes en 140 países, cal diría que foi o maior desafío ao que se enfrontou na xestión de patentes e marcas para os seus clientes?

Ao longo dos nosos anos vimos un pouco de todo, en función do ámbito, pero sempre resolvimos a situación. A propiedade industrial require dunha alta especialización, polo que no despacho contamos con persoas expertas nos distintos campos de actividade, de feito, recentemente incorporouse unha nova axente da propiedade industrial, que se encarga dos temas de patentes.

Doutra banda, a protección de marcas a nivel internacional sempre é un desafío, pola complexidade que supón a protección en multitude de territorios, cada un coas súas casuísticas e normativas.

Outro gran reto é a protección e defensa de patentes e os trámites que conleva a necesidade de defender a novidade e actividade inventiva fronte ás distintas administracións. 
 
Como é o proceso desde que un cliente toma a decisión de protexer a súa marca ou patente ata que finaliza con éxito?

As patentes e as marcas son procedementos moi diferentes. No caso das marcas, o primeiro é facer unha boa procura previa de parecidos, para poder iniciar o procedemento con garantías, e facer unha boa redacción de produtos e servizos, co obxectivo de ter a mellor protección posible. Feito isto, faise a solicitude ante a administración correspondente, que resolve a favor ou se opón, caso no que hai que responder. 

No caso das patentes, o primordial é identificar adecuadamente a innovación que se quere protexer e redactar unha memoria técnica por un experto en patentes, xa que a memoria establecerá o alcance da protección, non podendo protexer de máis, pero tampouco de menos. Con esta memoria iníciase o procedemento administrativo ante as distintas administracións, que normalmente conta cun ou dous exames técnicos, antes da concesión. 
 
A dixitalización implica moitas vantaxes pero tamén novos desafíos. Como afectaron á súa actividade aspectos como a protección de propiedade industrial en liña, a piratería dixital ou o ciber espionaxe?

Efectivamente, no noso ámbito de traballo os novos retos e desafíos son unha constante, principalmente porque as normativas implántanse a menor velocidade que os avances tecnolóxicos.

Internet fixo desaparecer as fronteiras, polo que a protección noutros países fíxose máis importante, xa que a facilidade de copiar incrementou os conflitos relacionados coa propiedade industrial e intelectual. É por iso que patentes, marcas, deseños e dereitos de autor gañan protagonismo, xa que son o único mecanismo que nos permite loitar contra a copia e dar seguridade ás empresas e usuarios. 
 
Que papel xoga a innovación no ámbito da protección de dereitos de propiedade?

Un papel principal. Sen innovación non hai patentes nin deseños nin dereitos de autor, nin novas marcas. A propiedade industrial existe pola necesidade de protexer aos inventores, deseñadores e creadores, para garantirlles un dereito de explotación exclusiva das súas creacións durante un tempo e para fomentar o avance tecnolóxico. 

Como ve o futuro da protección de dereitos de propiedade industrial en España e a nivel internacional? Que tendencias cre que influirán neste campo durante os próximos anos?

Aínda que existen grandes retos e desafíos futuros dos que se está empezando a falar, como poden ser a mellora da protección do software, a protección dos avances biolóxicos, a explotación de marcas nos distintos metaversos ou a protección dos dereitos creados pola intelixencia artificial, segue sendo a propiedade industrial bastante estática. Na miña opinión isto é unha garantía xa que ser un ámbito que non cambia demasiado co avance tecnolóxico permite non perder eficacia nin protección.

Tamén pode interesarche