Ao día!
Rueda pon en valor as medidas da Xunta para consolidar Galicia como o mellor lugar para vivir e investir
Barcelona, 5 de xullo de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor as medidas que está tomando o Executivo autonómico para consolidar Galicia como o mellor lugar do mundo para vivir e para investir.
Así o explicou durante a 19a edición da cea de gala organizada pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT), na que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
Alí, trasladoulles as iniciativas que está impulsando Galicia para favorecer o investimento, como a Oficina Económica de Galicia, que funciona como unha canle única onde se centralizan todos os trámites entre a Administración autonómica e os empresarios; ou o plan de aceleración e impulso de proxectos empresariais. “Esa Galicia que algúns situaban hai anos no vagón de cola é agora unha locomotora, unha Galicia potente”, sinalou Rueda.
O presidente tamén puxo en valor outros avances sociais, como a gratuidade das escolas infantís 0-3 anos, que a partir de setembro se estenderá ás matrículas universitarias; ou o calendario de vacinas máis completo do mundo.
Valorou que todas estas medidas, xunto coas políticas de retorno, teñen contribuído a que Galicia deixase de ser unha terra de despedida para selo de benvidas. Neste sentido, destacou que a Estratexia Retorna ten como obxectivo fomentar a volta de 30.000 galegos ata 2026.
Títulos de Excelencia Galega 2024
No acto, a AEGA-CAT fixo entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2024, que recoñecen o talento de profesionais de distintos sectores. Nesta edición os galardoados foron a doutora en astrofísica Begoña Vila; o futbolista Francisco González Pérez “Fran”; o deseñador de moda Roberto Verino; o xornalista Jenaro Castro; o doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, Xosé Luis Barreiro Rivas; a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence; e a presidenta do grupo AMA, Ana Pastor.