Guías
CAMPAMENTOS DE TURISMO
Neste catálogo enténdese como campamento turístico o establecemento de aloxamento turístico que, ocupando un espazo de terreo debidamente delimitado e dotado das instalacións e dos servizos que se fixen regulamentariamente, estea destinado a facilitar a estadía temporal en tendas de campaña, caravanas, autocaravanas ou calquera elemento semellante facilmente transportable, así como doutras instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal que sexan explotadas polo mesmo/a titular do campamento.
Clases de campamentos
En función das instalacións, equipamentos e servizos ofertados, os campamentos de turismo pódense clasificar en cinco categorías: de 1 a 5 estrelas.
Antes de iniciar o procedemento…
Podes solicitar un informe previo á área provincial da Axencia de Turismo de Galicia onde vaia radicar o establecemento para comprobar o cumprimento dos requisitos mínimos e infraestruturas e servizos necesarios.
Para poder desenvolver esta actividade, deberás solicitar a autorización de apertura e clasificación turística, presentando a documentación requirida.
Unha vez obtida a resolución de apertura e clasificación (se no prazo de 3 meses non se produce resolución expresa, entenderase que a solicitude foi estimada), a Administración procederá de oficio á inscrición do campamento de turismo no Rexistro de empresas e actividades turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Realizado este proceso, poderase exercer a actividade, o cal non exime do cumprimento doutros aspectos relacionados co marco normativo e sectorial de referencia.
Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Decreto 159/2019, do 21 de novembro, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo.