Guías
ESTABLECEMENTOS DE ACUICULTURA NA PARTE LITORAL E INTERIOR DA ZONA TERRESTRE
É obxecto deste catálogo a actividade empresarial de acuicultura na parte litoral e interior da zona terrestre.
Enténdese por acuicultura a cría ou o cultivo de organismos acuáticos con técnicas encamiñadas a aumentar a produción dos organismos en cuestión por enriba das capacidades naturais do medio.
ANTES DE INICIAR OS TRÁMITES…
Antes de iniciar os trámites resulta recomendable que a persoa promotora comprobe a viabilidade urbanística da actuación en función da ubicación concreta da instalación e da clasificación urbanística do solo no que se pretenda implantar.
Deberá consultar tamén as afeccións sectoriais que resulten aplicables no Plan Básico Autonómico de Galicia.
Para iniciar unha actividade de posta en marcha dun establecemento de acuicultura é necesario presentar unha solicitude de permiso de actividade por parte da persoa promotora, xunto coa documentación exixida para cada caso na normativa reguladora, ante a Consellería do Mar.
Os establecementos que precisen ocupar para a súa instalación, posta en funcionamento e explotación terreos de dominio público marítimo ou marítimo-terrestre precisarán da concesión de actividade que outorgará a consellería competente en materia de acuicultura, de conformidade co procedemento que regulamentariamente se estableza, logo de informe preceptivo e vinculante da Administración do Estado sobre a ocupación do dominio público.
O órgano substantivo procederá á apertura dun período de información pública non inferior a 20 días, así como a solicitude dos informes precisos segundo o caso.
Posteriormente, a administración emitirá resolución que, no caso de ser favorable, habilitará para o exercicio da actividade.
Logo da obtención do título habilitante e antes do inicio da actividade, a persoa titular do establecemento deberá solicitar a súa inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega).
Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia (DOG núm. 243 do 16 de decembro de 2008).
Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia.
Decreto 274/2003, do 4 de xuño, polo que se regula o procedemento de obtención do permiso e concesión de actividade para os establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura na zona terrestre (DOG núm. 110 do 9 de xuño de 2003).
Orde do 25 de outubro de 1999 pola que se regula o funcionamento dos centros de acuicultura en augas continentais e o seu rexistro (DOG núm. 212 do 03 de novembro).