Guías
EMPRESAS FRIGORISTAS
Este catálogo recolle os trámites necesarios para a constitución e posta en marcha das iniciativas empresariais relativas ás actividades de empresas frigoristas.
Considérase empresa frigorista á persoa física ou xurídica que, como unha actividade económica organizada, realiza a execución, posta en servizo, mantemento, reparación, modificación e desmantelamento das instalacións frigoríficas no ámbito do Regulamento de seguridade para instalacións frigoríficas e as súas instrucións técnicas complementarias, aprobado polo Real decreto 552/2019, do 27 de setembro.
Exclúense da aplicación do catálogo, as seguintes instalacións:
- As instalacións frigoríficas correspondentes a medios de transporte aéreo, marítimo e terrestre, que se rexerán polo disposto nas normas de seguridade internacionais e nacionais aplicables a estes e nas súas normas técnicas complementarias.
- Os sistemas secundarios utilizados nas instalacións de climatización para condicións de benestar térmico das persoas nos edificios, que se rexerán polo disposto no Regulamento de instalacións térmicas nos edificios.
- Os sistemas de refrixeración compactos (sistemas de acondicionamento de aire portátiles, frigoríficos e conxeladores domésticos, etc.) con carga de refrixerante inferior a:
- 2,5 kg de refrixerante do grupo L1
- 0,5 kg de refrixerante dos grupos L2 e L3
Antes de comezar as súas actividades como empresas frigoristas, as persoas físicas ou xurídicas que desexen establecerse en España deberán presentar ante o órgano competente da comunidade autónoma onde se establezan unha declaración responsable na que o titular da empresa ou representante legal desta declare que cumpre cos requisitos que se exixen na normativa de aplicación, que dispón da documentación que así o acredita, que se compromete a mantelos durante a vixencia da actividade e que se responsabiliza de que a execución das instalacións se efectúa de acordo coas normas e requisitos que se establecen na antedita instrución técnica complementaria.
A consellería competente en materia de industria asignará, de oficio, un número de identificación á empresa que presentou unha declaración responsable.
Realizado este proceso, a empresa queda habilitada e pode exercer a actividade de xeito inmediato, aínda que pode ser obxecto dos labores de inspección correspondentes para comprobar a veracidade do declarado mediante a achega da documentación que sustenta a declaración.
Real decreto 552/2019, do 27 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade para instalacións frigoríficas e nas súas instrucións técnicas complementarias.
Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE.