Guías
ESTABLECEMENTOS HOTELEIROS
É obxecto deste catálogo a actividade de empresas de aloxamento turístico na modalidade de establecementos hoteleiros.
Son establecementos hoteleiros os aloxamentos turísticos situados nun ou varios edificios próximos, ou en parte destes, concretamente os clasificados no grupo I (hoteis).
Quedan excluídos deste catálogo:
As actividades de aloxamento que teñan fins institucionais, sociais, asistenciais, laborais, educacionais ou que se leven a cabo no marco de programas da Administración dirixidos á infancia e xuventude, terceira idade, mulleres ou colectivos en situación de necesidade ou exclusión social ou vítimas da violencia de xénero, en especial:
- Os albergues de peregrinos de titularidade pública, que se rexerán pola súa normativa específica.
- Os albergues xuvenís integrados na rede de albergues de xuventude, que se rexerán pola súa normativa específica.
- Os establecementos dedicados a aloxamentos en cuartos colectivos por motivos escolares, docentes ou sociais, tales como áreas provisionais dedicadas a eventos culturais, deportivos ou recreativos, que se rexerán polas súas normas específicas.
ANTES DE INICIAR OS TRÁMITES…
Antes de iniciar os trámites resulta recomendable que a persoa promotora solicite un informe previo á área provincial da Axencia de Turismo de Galicia onde vaia radicar o establecemento para comprobar o cumprimento dos requisitos mínimos necesarios.
Para iniciar unha actividade de posta en marcha dun establecemento hoteleiro é necesario presentar unha declaración responsable, por parte da persoa promotora, na que se manifeste o cumprimento dos requisitos previstos na normativa turística para a clasificación pretendida e o compromiso de mantelos durante o tempo de vixencia da actividade. Esta declaración habilita para o inicio da actividade desde o día da súa presentación e implica a inscrición de oficio do establecemento no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Posteriormente a administración realizará os controis e a inspección necesarios relativos á veracidade dos datos declarados e emitirá a resolución que corresponda.
Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia.
Decreto 57/2016, do 12 de maio, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros.