Inicio
Actualidade

Ao día!

16/06/2022

Emprendemento e coworking, aliados estratéxicos

Comparte este artigo

A Xunta de Galicia e a EOI contan con 11 centros coworking, dentro dun programa de aceleración que xa permitiu impulsar preto de 400 novas iniciativas empresariais desde a súa posta en marcha

Levar a cabo unha proposta de negocio, buscar a independencia laboral, autoempregarse ou achegar algo novo á sociedade, son só algúns dos motivos que levan ao emprendemento, segundo o Global Entrepreneurship Monitor (GEM Galicia).

O proceso de transformar unha idea nun proxecto empresarial adoita ser un camiño difícil, polo que o apoio da Administración resulta clave en calquera iniciativa. GEM Galicia sitúa á Comunidade no terceiro posto en percepción de oportunidades para emprender e destaca a implicación feminina cunha Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) da 56,5% fronte ao 43,5% de emprendemento masculino.

Os datos expoñen un escenario optimista, sobre o que a Xunta de Galicia e a Escola de Organización Industrial (EOI) traballaron durante os últimos anos. Entre as súas actuacións destaca a rede de apoio ao emprendemento, a través da cal puxeron en marcha 11 centros de coworking na súa sexta convocatoria, duplicando o número de espazos cos que comezaron en 2016.

Coworking como impulso

Conscientes da importancia de xerar redes, establecer liñas de colaboración e orientar ás persoas emprendedoras no seu proceso inicial, o Goberno galego en colaboración coa EOI, ofrece ás persoas participantes un mentor individual para os seus proxectos que as acompaña no deseño do seu modelo de negocio. Así mesmo, contan con formación específica, xornadas de networking e encontros con actores sociais e económicos relevantes. Segundo o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia, Fernando Guldrís, a Administración pretende evitar que “unha boa idea de negocio quede nun caixón por falta de apoio”.

Neste senso, os espazos coworking preséntanse como unha gran oportunidade para emprender xa que, ao mesmo tempo que ofrecen soporte técnico, tamén favorecen a creación de sinerxías entre profesionais que comparten espazo de traballo. Un feito que, ademais, reduce os custos derivados da necesidade de contar con instalacións apropiadas para iniciar unha actividade económica.

Desde que a rede de apoio ao emprendemento botou a andar hai seis anos, máis da metade dos proxectos consolidáronse como empresas, en concreto 384 iniciativas que xeraron 624 postos de traballo. A este respecto, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destaca que máis da metade das persoas participantes foron mulleres.

Perfil emprendedor

O perfil do emprendedor galego leva rostro de muller e sitúase ao redor dos 40 anos, segundo o estudo GEM Galicia. O informe apunta a un aumento da porcentaxe de persoas emprendedoras con estudos de formación profesional e superiores (43% dos emprendedores e 39% das emprendedoras) e tamén crece o número dos que contan con estudos de posgrao (28%).

O anterior indica que cada vez máis, as persoas que deciden executar un proxecto profesional por conta propia presentan aptitudes formativas altas, o que repercutiría de maneira positiva no seu desempeño emprendedor.

Segundo a Project Manager Professional e membro da asociación Executivas de Galicia, Lidia Enrich, para que unha boa idea de negocio teña probabilidades de éxito, ademais de contar con apoio, a persoa emprendedora debe ter formación para levala a cabo. Tamén asegura que, na actualidade, é máis fácil emprender que hai uns anos, xa que “existen multitude de recursos ao dispor das persoas emprendedoras, desde programas gratuítos que axudan a traballar as ideas, ata espazos de información como a Oficina Galicia Empresa.”

Iniciativas de apoio

Galicia aposta polo emprendemento e faino a través das diferentes iniciativas entre as que destacan os programas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, promovidos pola Xunta. As dúas actuacións impulsaron 350 proxectos emprendedores e mobilizaron máis de 35 millóns de euros nos últimos catro anos.

Aos plans anteriores súmase a rede Business Factories, aceleradoras especializadas no sector da aeronáutica e a automoción, que xa favoreceron a creación de máis de 70 empresas.

Tamén pode interesarche