Inicio
Actualidade

Ao día!

27/06/2022

Auga de mar e innovación empresarial

Comparte este artigo

Aumentan as empresas que apostan por novas aplicacións da auga mariña, entre as que destacan o seu uso na cociña e na elaboración de bebidas hidratantes

Máis do 70% da superficie do planeta está composta por océanos e mares, polo que non é de estrañar que aumente o número de empresas e persoas emprendedoras que exploren novas vías de negocio relacionadas co mar.

Galicia, a comunidade con máis quilómetros de costa en España (1.498 km), é unha das que máis aposta pola economía azul, aquela que se centra nos espazos acuáticos como motores de innovación e crecemento para un desenvolvemento sostible e rendible. Nesta liña, o Goberno galego defende a necesidade de aproveitar ao máximo os fondos europeos para impulsar a competitividade das zonas costeiras e ser referentes internacionais na creación de novas oportunidades para o sector marítimo e pesqueiro.

Conscientes de que o aproveitamento económico do mar pode ir máis aló da pesca, o lecer náutico e do ámbito enerxético, cada vez máis empresas deciden innovar e comercializar auga mariña embotellada. As súas aplicacións poden ser varias, desde o uso culinario, ata a súa utilización para elaborar cervexa ou bebidas isotónicas.

Auga de mar para condimento e bebidas

Unha das empresas pioneiras en explotar a auga de mar en Galicia foi Brétema, que desde 2014 comercializa auga de mar procedente da Costa da Morte, onde as temperaturas marítimas son baixas e existen “correntes que proveñen do Atlántico Norte Central que lle proporcionan características únicas”, segundo a compañía.

Aínda que a maioría da auga salgada utilízase como condimento para potenciar os sabores gastronómicos, Brétema tamén vende cervexa e xenebra artesanais elaboradas con auga mariña.

Outro dos nichos nos que a auga de mar gaña forza é o das bebidas isotónicas. Así é o caso de ReFix, unha bebida “de recuperación ecolóxica” que tamén nace na Costa da Morte e extrae a auga da Reserva Mariña dos Miñarzos, en Carnota. O produto véndese en España, Estados Unidos, Portugal e Reino Unido e leva a sustentabilidade como bandeira. Segundo o seu fundador, Raúl Álvarez, a súa empresa, participante na aceleradora BFFood, innova desde un modelo sostible “coidando toda a cadea de valor, desde a procedencia das materias primas ata o proceso de reciclaxe ao final da vida útil do produto”.

Desde as Rías Baixas, concretamente na zona de Pontevedra, Artio comercializa o que define como “bebida isotónica e nutrición deportiva 100% natural.” O seu creador, Antón Ruanova, afirma que os seus produtos feitos a base de auga de mar, están dirixidos a deportistas e a persoas que “levan unha vida activa e saudable, que demandan alimentos e refrescos naturais, libres de azucres engadidos, edulcorantes artificiais e conservantes”.

Tamén no sur de Galicia xorde Augas de Rodas, un proxecto que nace da colaboración entre o sector privado e a Universidade de Vigo, e conta co financiamento da Xunta. Esta iniciativa ultima os detalles para comercializar auga de mar procedente das profundidades das illas atlánticas. Segundo o seu director, Gerardo de la Huz, “debido á orografía submarina, ás correntes e aos ventos dominantes, existen períodos nos que a auga das zonas máis profundas aflora á superficie introducíndose nas rías galegas. Esta auga contén unha composición en oligoelementos moi superior á que se pode atopar na superficie”.

Colaboración público-privada

A posta en marcha de proxectos innovadores como os mencionados, non sería posible sen a axuda financeira ou a colaboración público-privada. Por este motivo, o Goberno galego desenvolve diferentes programas de apoio ao emprendemento e de axudas dirixidas a pemes que queren innovar na súa actividade e modernizar os seus procesos.

A empresa Refix valeuse de diferentes programas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia centrados na dixitalización empresarial. Segundo Raúl Álvarez, estes foron cruciais para dar a coñecer a súa marca máis aló de Galicia. Na actualidade participa no programa Galicia Exporta Dixital, que contribúe a orientar a súa estratexia de internacionalización e chegar a novos mercados.

Artio tamén contou co apoio da Xunta de Galicia, a través das iniciativas Galicia Emprende Rural e Galicia Emprende que, segundo Ruanova, “foron fundamentais durante os primeiros pasos da empresa”.

Outro exemplo de éxito da colaboración entre o sector privado e a Administración é Augas de Rodas quen, ademais de beneficiarse do soporte financeiro do Goberno autonómico, colabora coa Universidade de Vigo e con Anfaco–Cecopesca para realizar os estudos de investigación que motivaron a posta en marcha do proxecto.

Innovación

Buscar diferentes usos da auga de mar e desenvolver novos produtos que busquen a rendibilidade económica, forma parte do proceso de innovar que cada vez asumen máis empresas en Galicia. Por esta razón, a Xunta aposta polo aproveitamento dos fondos europeos Next Generation para impulsar iniciativas innovadoras, dixitais e sostibles.

Nesta liña traballa o Goberno autonómico, cuxas actuacións se centran na “transformación dixital das pemes, o impulso ao emprendemento, a procura de novos mercados e o apoio financeiro”, segundo o director do Igape, Fernando Guldrís.

Tamén pode interesarche