Inicio
Actualidade

Ao día!

04/08/2022

A Estratexia Naval 2022-2026 potencia a diversificación de produtos e mercados

Comparte este artigo

O sector naval aglutina en Galicia máis de 290 empresas, con 12.500 postos de traballo directos e 26.000 indirectos.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, elaborou a Estratexia de recuperación, crecemento e diversificación da industrial naval de Galicia para o período 2022-2026. Esta folla de ruta coa que o Goberno galego aspira a reforzar e xerar sinerxías nesta industria estratéxica para Galicia foi aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de abril. Desde entón estanse a definir as medidas concretas que se irán aplicando en consenso coas achegas do propio sector, estaleiros e industria auxiliar.

A Estratexia Naval 2022-2026 senta as bases sobre as que promover a recuperación e o crecemento do naval que suma, na nosa Comunidade, máis de 290 empresas e 12.500 postos de traballo directos, cifra que ascende aos 26.000 contando cos indirectos, e que representa o 3,5% do PIB galego.

A estratexia galega para o próximo lustro agarda que o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) do naval se converta nunha verdadeira oportunidade para a recuperación do sector. Neste sentido, o obxectivo é que Galicia ocupe o espazo que lle corresponde na repartición dos fondos europeos, facilitando así a aposta pola dixitalización da cadea de valor, pola sustentabilidade ambiental e pola mellora da formación e capacitación dos traballadores.

O Perte debe constituírse nun fito fundamental, tendo como obxectivo, precisamente, a transformación da totalidade da cadea de valor da industria a través da diversificación, a dixitalización e a mellora da sustentabilidade ambiental, cunha aposta decidida polas enerxías renovables mariñas e os buques de baixas emisións.

Tres eixos e oito campos de actuación

A Estratexia Naval galega está planificada sobre tres eixos fundamentais: mellora competitiva, transformación e diversificación, desenvolvida a través de oito campos de acción cuxas medidas se van ir ampliando e concretando en consenso co sector.

O primeiro destes ámbitos céntrase na regulación das cargas administrativas e no establecemento dun marco de apoio axeitado. Promoveranse proxectos tractores susceptibles de ser financiados polos fondos europeos de recuperación. O segundo campo de actuación atende á necesidade de financiamento a través de diferentes liñas de crédito e fondos de capital risco.

En terceiro lugar, promoverase a cooperación entre estaleiros na procura tanto de obter economías de escala e sinerxías que melloren a súa competitividade, como de facilitar o acceso conxunto a proxectos. O cuarto ámbito de actuación céntrase no fomento da innovación aproveitando, para o seu desenvolvemento, o actual ecosistema científico-tecnolóxico vinculado co sector naval. O quinto baséase na dixitalización mediante programas de axuda que faciliten o redeseño das infraestruturas cara aos modelos de estaleiros 4.0.

O sexto campo de actuación atende á sustentabilidade na procura tanto de factorías sostibles, como de actividades de economía circular. En sétimo lugar buscaranse novos mercados que permitan consolidar e reforzar a internacionalización do sector. Todo isto sustentarase co oitavo campo de actuación, a aposta polo talento a través da activación de distintos programas que melloren as capacitacións profesionais en competencias dixitais, internacionalización ou innovación, entre outros.

En resumo, a Estratexia Naval de Galicia para o próximo quinquenio aspira a consolidar a experiencia, a capacidade e os medios técnicos dunha das principais industrias da Comunidade, activando as accións necesarias para o seu crecemento e diferenciación sobre a base dunha axenda integral e consensuada cos axentes do sector.

Tamén pode interesarche