
Ao día!

BFAuto, a panca da cadea de valor do sector da automoción en Galicia
Business Factory Auto (BFAuto) é unha iniciativa ambiciosa que naceu en 2016 promovida pola Xunta de Galicia co Consorcio da Zona Franca de Vigo, o grupo Stellantis e Ceaga. O seu obxectivo é impulsar a aceleración e consolidación de proxectos especializados en automoción para transformalos en empresas innovadoras que contribúan a cubrir ocos na cadea de valor e fortalecer o sector en Galicia, así como incrementar a súa proxección internacional.
Coa visión de converterse nun referente na promoción da innovación no sector da automoción, a función da BFAuto desprégase en tres eixes estratéxicos centrados en impulsar a cultura emprendedora, desenvolver un ecosistema de innovación aberta e fomentar a competitividade do tecido empresarial.
Para iso, conta co liderado da industria e o apoio dos principais axentes do ecosistema galego, desenvolvéndose en dúas fases: o programa de aceleración para empresas de recente creación e o programa de consolidación para compañías xa existentes.
64 novas empresas
Durante as seis edicións celebradas de BFAuto creáronse 64 novas empresas, das cales o 24% xa exporta os seus produtos ou servizos, e xeráronse máis de 550 postos de traballo en Galicia e unha facturación de 90 millóns de euros. Grazas aos bos resultados obtidos, a BFAuto serviu de exemplo para outros sectores que xa replicaron a iniciativa.
A clave da Business Factory Auto é a implicación do sector da automoción de Galicia. Desde o principio, a iniciativa contou cun forte apoio de Stellantis, e actualmente son xa moitas as empresas deste campo que se involucraron (BorgWarner, Denso, GKN Driveline, Unimate Robótica, Galicia AutoEstampación, Snop, TI Fluíde Systems, etc.).
En cada convocatoria, a propia industria define as súas necesidades e, baseándose nelas, selecciónanse os proxectos participantes. As empresas do sector titorizan e asesoran os proxectos para impulsar o seu desenvolvemento e aumentar a súa competitividade. Ademais, brindan as súas plantas para desenvolver pilotos e probar as súas solucións innovadoras.
É así como as novas empresas nadas ao amparo da aceleradora pasan a converterse en provedores das empresas do sector da automoción. Este ecosistema colaborativo facilita que se xeren proxectos de I+D entre startups, pemes e grandes empresas.
Esta iniciativa creou talento e innovación en Galicia, sobre todo no ámbito 4.0: sensórica, cobótica, impresión 3D, robótica, etc. De forma destacada, cubríronse ocos na cadea de valor do sector, principalmente relacionados coa dixitalización ou a Industria 4.0 (visión artificial ou Internet das Cousas, entre outros) e contribuíuse a xerar máis de 550 postos de traballo cualificado, principalmente no ámbito tecnolóxico. En canto á facturación, prevese que as compañías da iniciativa BFAuto pechen o ano 2022 con máis de 90 millóns de euros de ingresos.