
Ao día!

Biomasa forestal, unha oportunidade para Galicia
A madeira é renovable, sustentable e pódese utilizar, reutilizar e reciclar. Por iso, é unha materia prima clave para o modelo de transición de Europa cara a unha bioeconomía circular destinada a impulsar a competitividade global, fomentar o crecemento económico sustentable e a xeración de novos postos de traballo. A industria forestal posúe un gran potencial para promover unha “economía verde” a través do uso da madeira, a bioenerxía e novos biomateriais.
A Estratexia de Mitigación do Cambio Climático 2050 e a Estratexia de Bioeconomía da UE fomentan a transición cara a unha economía circular baseada en recursos naturais. Neste eido á madeira xórdenlle novos mercados, esperándose un incremento notable da súa demanda.
No eido da construción, obsérvase un incremento da utilización de madeira como elemento estrutural en Europa. En Alemaña, o 17% das novas casas construídas son en madeira. En España, o consumo anual atopábase no entorno dos 10.000 m3 en 2019, esperándose incrementos que dupliquen esta demanda. A madeira de coníferas preséntase como óptima nestes novos produtos.
Tamén se observa un incremento das chamadas casas pasivas que supón un aforro de enerxía respecto a modelos tradicionais, así como a utilización doutros materiais de base de madeira como os entramados lixeiros.
No sector téxtil estase a observar a necesidade de diminuír a utilización de materiais plásticos, utilizando produtos derivados da celulosa, conseguindo materiais ecolóxicos e reutilizables usando tamén combinacións de materiais con base biolóxica que permiten reducir o uso de polímeros.
Apreciase tamén, un avance importante no uso de novos materiais en composite na industria do automóbil, incrementando o consumo de materiais biolóxicos con base de madeira.
O incremento da bioenerxía supón igualmente unha oportunidade para os biocombustibles, en especial para a biomasa, tanto como fonte de calor como a súa utilización para producir enerxía.
Nestes ámbitos, Galicia participa en programas de innovación na consecución de novos materiais e conta cunha estratexia de biomasa que permitirá valorizar a utilización destes recursos.
Galicia ten cunha superficie forestal de máis de dous millóns de hectáreas, e a actividade forestal na Comunidade xera oportunidades e valor, distribuído entre os miles de silvicultores e centos de comunidades veciñais que venden madeira ao ano. En 52 dos 315 concellos galegos, a industria de base forestal representa máis do 30% dos establecementos industriais.
A cadea principal de transformación de madeira supón, segundo o IGE (2013), en torno ao 2% da economía galega falando de valor engadido, mentres, en termos de emprego, este peso é do 2,3%, e do emprego industrial do 12,3% global da economía de Galicia.
A importancia cualitativa do sector increméntase ao considerar as numerosas cadeas laterais e os provedores de bens de equipo, subministracións complementarias, servizos de investigación e infraestruturas (nomeadamente ferrocarril e portos) vinculadas ao mesmo. Deste xeito, o incremento da produción na cadea principal non só provoca incrementos de emprego nesa rama principal, senón que na medida en que demanda consumos intermedios doutras ramas tamén repercute no seu emprego. A industria forestal adquire produtos do 80% dos sectores económicos de Galicia e, en 23 deles, con compras superiores aos 10 M€/ano.
Xestión forestal sostible
O uso da biomasa para obter enerxía garante que os bosques europeos sigan medrando. A biomasa procede de tres fontes principais: biomasa de madeira (70%), biomasa agrícola (20%) e residuos de biomasa (10%). A bioenerxía emprégase principalmente para calefacción (70%), proporcionando calor a 66 millóns de fogares europeos; electricidade (15%) e transporte de combustible (15%).
As oportunidades que supón para Galicia a biomasa forestal, en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) están relacionadas co ámbito enerxético (xeración e almacenamento), coa circularidade de procesos, coa construción sostible e co sector téxtil. A maiores, a bioenerxía axuda á xestión forestal e contribúe á diminución de CO2.
A aposta da Xunta pola biomasa forestal materialízase a través de varias liñas de axuda e incentivos a proxectos de biomasa para usos térmicos que lidera o Inega. No período 2014-2021 concedéronse 54 millóns de euros en axudas, cun investimento asociado de 112 millóns de euros para un total de máis de 8.800 axudas concedidas (7.453 a persoas físicas e 1.373 a empresas).