
Ao día!

Galicia Calidade ampara a xoiaría galega
A incorporación da xoiaría galega á marca Galicia Calidade foi posible grazas a un convenio asinado no ano 2011 entre a Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia (Coxga) para que as xoias elaboradas polos profesionais galegos que superen os controis esixidos poidan incorporar esta marca como aval de calidade.
O presidente do Coxga, Óscar Rodríguez, explica que “Galicia Calidade é un selo de garantía de calidade certificada. Esta garantía de calidade dunha marca coñecida, consolidada e de prestixio xera confianza no consumidor polo que supón un valor engadido para estas empresas que lles permite diferenciarse da competencia, non só en Galicia e España, senón tamén no eido internacional”.
Ademais, Galicia Calidade apoia ás empresas amparadas baixo o seu selo en promocións, campañas publicitarias e eventos e esta divulgación beneficia o prestixio xa coñecido da xoiaría galega. “E, por suposto, este selo supón para as empresas un recoñecemento ao esforzo e afán de superación dos profesionais da xoiaría de Galicia”, tal como afirma o presidente do Coxga.
Deste xeito, todos os fabricantes galegos dispoñen dun marco de xeral cumprimento para poder integrar as súas xoias dentro de Galicia Calidade e aproveitar o impulso dunha marca coñecida, consolidada e de prestixio que traslada aos consumidores a percepción dun produto galego de calidade.
O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia (Coxga) dispón dunha comisión encargada de avaliar o cumprimento dos requisitos técnicos do prego de condicións do convenio, e, para a obtención do selo, a empresa (fabricante) debe presentar ante esta comisión a peza ou colección de pezas para a que pretende conseguir o certificado.
Entre os requisitos para que as xoias elaboradas polos profesionais galegos poidan obter o selo Galicia Calidade están: deseño e fabricación en Galicia; centro de produción emprazado en Galicia e dirixido por un profesional colexiado; materia prima: a lei do metal non poderá ser inferior a 950 milésimas para o platino, 750 milésimas para o ouro e 925 milésimas para a prata; acabados impecables das xoias -fundición sen imperfeccións, soldaduras non apreciables, pulido e acabado de calidade en todas as súas caras, incluso as internas ou non visibles-; estoxos e embalaxes acordes coa calidade da xoia e que protexan o contido dos axentes externos que poidan danar a xoia; logo, firma ou marca de fabricante visible en estoxos, etiquetados e embalaxes; contraste de fabricante e contraste de garantía (do Laboratorio de Contrastación de Metais Preciosos); etiqueta con información detallada da peza e colección: fabricación, certificado de composición, identificación, con data de fabricación e foto; garantía mínima de tres anos e servizo posvenda con capacidade de resposta en 15 días máximo.
Oito empresas co selo de calidade
A día de hoxe teñen o selo Galicia Calidade, xoias ou coleccións de xoias, das seguintes oito empresas: Ardentia, destaca polo carácter atlántico no deseño das súas coleccións; Fernando Gallego, deseños inspirados na arquitectura, a pintura ou o cine; Fink Orfebres, especializados nas xoias de prata; Atelier Isabel Suárez, elabora pezas a medida; Katuxa Platero, xoias de autor de prata, ouro, pedras preciosas e semipreciosas; Orfega, combina a tradición e o deseño máis actual con pezas que fusionan a prata coa cor; Óscar Rodríguez Joyeros, especializado na creación de pezas únicas con nome propio; e Unión Joyera de Bergongo, con pezas exclusivas que destacan pola gran calidade das pedras empregadas.