
Ao día!

Business Factory Food, un impulso para o sector alimentario
BFFood ten a súa orixe, dunha banda, na necesidade das empresas do sector alimentario de atopar novas solucións que respondan aos seus principais retos tecnolóxicos para promover a súa competitividade e, doutra, na aposta da Xunta de Galicia polo emprendemento e a innovación como vía para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e como polo de xeración e atracción de actividades de alto valor engadido.
A aceleradora persegue implementar programas de apoio ao emprendemento e consolidación de proxectos especializados no sector alimentario e a súa transformación en empresas innovadoras, viables e escalables. En concreto, identifícanse, promóvense e apoianse proxectos empresariais innovadores que dean resposta ao retos da industria de elaboración de alimentos. Estes retos teñen que ver coa dixitalización e automatización, a trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria, a loxística, a sustentabilidade, o desenvolvemento de novos produtos e a innovación de procesos e comercialización.
A aceleradora está enfocada a resolver os retos das empresas do sector, para o que lanza periodicamente convocatorias públicas cuxo obxectivo é buscar, identificar e seleccionar proxectos que estean aliñados coa resolución dos retos expostos e apoialos para chegar ao mercado con maiores garantías de éxito.
BFFood conta con dous programas específicos de apoio aos proxectos participantes: aceleración e consolidación. Os programas están deseñados para o impulso dos proxectos en función do grao de desenvolvemento dos mesmos, desde a idea inicial co programa de aceleración, ata o afianzamento das vendas co programa de consolidación.
A denominación de aceleración e consolidación responde ao estado de madurez do proxecto. Os proxectos de aceleración son iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, na que a empresa pode estar constituída (con menos de 42 meses de antigüidade) ou non. Ten que estar a desenvolver ou ter desenvolvido produtos ou servizos minimamente viables e ter un esbozo do seu modelo de negocio.
Os proxectos de consolidación constitúen unha fase posterior, na que a empresa xa está constituída e ten produtos ou servizos xa desenvolvidos, un modelo de negocio plenamente definido e xa ten realizado as primeiras vendas.
Os programas de BFFood contan con actividades de mentorización, formación, coaching, networking e acceso a un catálogo de infraestruturas, medios e servizos técnicos que permita aos proxectos avanzar no desenvolvemento da iniciativa emprendedora. Cabe destacar que cada un dos proxectos conta cun mentor específico pertencente a unha empresa líder do sector alimentario que guía e facilita o seu desenvolvemento no ecosistema do sector. Así mesmo, os proxectos terán acceso a un financiamento específico en forma de axudas directas e préstamos participativos, para favorecer o seu despregamento e consolidación.
O programa vai pola súa cuarta edición e está previsto que este ano arranque a quinta. Nas catro convocatorias realizadas téñense apoiado 47 proxectos emprendedores, dos que 29 corresponden a proxectos de aceleración e 18 a proxectos de consolidación, achegando solucións aos diferentes retos marcados pola industria alimentaria.
Todos os proxectos chegaron a éxito
Desde o Clúster Alimentario de Galicia consideran todos os proxectos casos de éxito, xa que todos seguen traballando e continúan a súa andaina no mercado, como é o caso de ODS Protein, Triple Alpha, Galinsect e Eliter.
ODS Protein é unha empresa que produce proteína alternativa a partir da fermentación de fungos cunha formulación e textura idóneas para ser incorporadas como ingredientes a diferentes produtos da industria alimentaria.
Triple Alpha é unha empresa tecnolóxica especializada no desenvolvemento de solucións baseadas na aplicación de técnica de intelixencia artificial e analítica de datos aplicada á maximización de rendemento no eido da produción e operacións industriais.
Galinsect é unha firma especializada na cría de insectos para a produción de proteína de alto valor engadido para o seu uso alimentario, quitina e aceites esenciais para a industria farmacéutica e abono orgánico de elevado aporte biolóxico.
Eliter desenvolveu unha plataforma certificadora de bovino lactante que permite a revalorización dos tenreiros das granxas lácteas acreditando a orixe e coidados que recibe o animal para mellorar a trazabilidade.