Inicio
Actualidade

Ao día!

03/11/2022

O Igape presta axuda continua a pemes e autónomos

Comparte este artigo

Ofrece diferentes servizos de apoio e asesoramento de maneira permanente segundo as súas necesidades e o momento no que se atopen as empresas. Hoxe centrarémonos en dous programas: Igape Responde e ReAcciona

Igape Responde é un programa de acción inmediata para asesorar e formar a pemes e persoas autónomas e emprendedoras de Galicia que se creou durante a pandemia para axudarlles a seguir funcionando. Igape Responde reforza os seus servizos de asesoramento gratuíto para impulsar a actividade económica de pemes, persoas autónomas e emprendedoras. O obxectivo é axudar ao tecido empresarial ante os novos retos que presenta o actual contexto económico.

Conta con dúas liñas de acción. A primeira delas, a través da consulta rápida na que se poden facer consultas en tempo real sobre xestión empresarial. En concreto, pódense realizar consultas relacionadas co impacto do contexto actual, marcado pola inflación; coa situación económica da empresa; coa súa actividade de negocio; coa prestación de produtos e servizos en liña e a produción da empresa; co cadro de persoal; coa posta en marcha dun novo negocio ou axuda aos investimentos a partir de 500.000 euros para a implantación de empresas en Galicia.

A segunda das modalidades é a consulta en liña na que unha persoa consultora te acompaña na implantación da medida elixida. O Igape ofrece asesoramento de ata 25 horas, durante 6 semanas, aproximadamente, en 7 ámbitos orientados á implantación de medidas que permitan adaptarse á situación económica. As consultas poden facerse sobre o contexto actual, a situación económica do negocio e a súa actividade, operacións, persoas, emprendemento e axudas ao investimento.

Na primeira fase do programa, desde xullo de 2020 ata xullo de 2021, atendéronse máis de 1.200 usuarios, que derivaron en máis de 1.700 soportes expertos e 340 medidas de acción inmediata. Na segunda fase, en execución desde xullo de 2022, atendéronse case novas 500 solicitudes e implantáronse 69 novas medidas de acción inmediata.

ReAcciona

ReAcciona é un programa conxunto da Xunta de Galicia, a través do Igape, Amtega e Gain para impulsar a competitividade das pemes e a industria galega. Comprende un esquema de servizos de mellora da competitividade empresarial, nacido para capacitar ás pemes ante os novos retos do mercado, dotándoas dun valor engadido que permita acelerar os seus procesos de mellora e incorporar novos coñecementos ás súas estruturas. O programa, que foi evolucionando ao longo dos anos, dispón dun total de 15 servizos ao redor de catro eixes de competitividade: a estratexia, a profesionalización, a dixitalización e a innovación.

A posta en marcha dun servizo ReAcciona supón unha implicación da empresa no desenvolvemento do proxecto de mellora, o cal garante o éxito nos resultados. Desde o Igape, Amtega e Gain préstase un apoio económico subvencionando unha parte importante do custo total do servizo, que oscila entre o 76% e o 96% para microempresas, en función do tipo de servizo, e entre o 52% e 91% no caso das pemes.

Os servizos desenvólvense de maneira conxunta e guiados polo axente colaborador, que en todo momento está á disposición da empresa durante o período do servizo de mellora, que pode ir dos 3 aos 6 meses aproximadamente. Os servizos están deseñados desde un carácter práctico, e buscan que a empresa se profesionalice nunha determinada área estratéxica ou operativa, e para iso o acompañamento na excepción e a formación que se dá durante o servizo é clave para conseguilo.

Desde o comezo do servizo defínense uns obxectivos para alcanzar que se fan tanxibles ao remate, de maneira que desde o inicio a empresa coñece o que pode esperar coa súa posta en marcha.

A oferta de servizos contempla o desenvolvemento de plans de acción e plans transversais, a mellora da xestión financeira e procura de financiamento, a definición dunha estratexia dixital da empresa, implantación de estratexias de ciberseguridade, deseño dunha estratexia de márketing de contidos ou asesoramento para o financiamento da innovación, entre outros.

Desde a posta en marcha deste programa, no ano 2012, ofrecéronse 2.695 servizos cun orzamento executado de 13,7 millóns de euros. O total de empresas que se adheriron foi de 1.946.

Neste momento o programa está a desenvolver os servizos das últimas convocatorias e está previsto que se abran novas convocatorias ao longo do próximo ano.

Tamén pode interesarche