Inicio
Actualidade

Ao día!

15/02/2023

Cafés Candelas quere consolidarse en Lugo desde a dixitalización e cun novo laboratorio de Aromas

Comparte este artigo

Cun investimento de máis de 10 millóns de euros, a empresa proxecta a construción dunha nova planta que, declarada pola Xunta de Galicia como iniciativa empresarial prioritaria, permitiría ampliar a súa capacidade produtiva nun 25%, crear 40 novos postos de traballo e adaptar a factoría ás novas tecnoloxías da Industria 4.0

A Xunta de Galicia declarou como iniciativa empresarial prioritaria a nova planta que a empresa Cafés Candelas proxecta construír en Lugo.

Cun investimento de máis de 10 millóns de euros, o proxecto consiste na construción dunhas novas instalacións de 12.000 m² de superficie que se situarán no polígono industrial das Gándaras de Lugo e que lle permitirían á compañía ampliar a súa capacidade produtiva nun 25% (actualmente distribúe máis de 5.000 toneladas de café ao ano), crear 40 novos postos de traballo e adaptar a factoría ás novas tecnoloxías da Industria 4.0.

A compañía, líder como marca única no mercado nacional de toste e comercialización de café, alcanzou unha facturación de máis 70 millóns de euros en 2022 e conta actualmente con filiais en Portugal, EEUU e Andorra, ademais de presenza comercial en Holanda. “Este proxecto é o paso seguinte que debemos dar se queremos seguir nunha senda de crecemento e progreso, afrontando o futuro con maiores garantías”, explica Enrique Alonso, xerente de Cafés Candelas. “Ademais, é un proxecto interesante con 100% capital familiar e lucense co que esperamos dinamizar o tecido industrial e económico na provincia”.

A empresa proxecta alcanzar unha autosuficiencia enerxética do 70% na planta e reducir en 20.000 quilos os residuos xerados ao ano. A apertura destas novas instalacións implicará tamén a posta en marcha dun novo laboratorio de aromas, dun centro de I+D+i e do seu Centro de Excelencia do Café.

Trátase, por tanto, dunha aposta por consolidar en Lugo un proxecto que xa ten 50 anos de traxectoria co obxectivo de seguir crecendo e mellorando a eficiencia e a competitividade a través da dixitalización, a sustentabilidade e a innovación.

A súa consideración como iniciativa empresarial prioritaria ten como obxectivo a simplificación dos procedementos administrativos necesarios para a súa implantación. “Desde Cafés Candelas valorámolo moi positivamente. Só temos palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia porque sempre estiveron moi pendentes do proxecto, acompañándonos e axudándonos cos pasos para seguir durante a súa evolución”, comenta Enrique Alonso.

Innovación e sustentabilidade

Ademais de multiplicar a eficiencia industrial, esta nova planta permitirá a Cafés Candelas abordar novos proxectos de innovación a todos os niveis, seguindo así a política iniciada hai uns anos para incluír no catálogo novos produtos e formatos sostibles e de calidade.

A adaptación ás novas tendencias de consumo foi a súa principal estratexia nos últimos anos e prevé continuar nesta liña. Para 2023 ten previsto o lanzamento de novas referencias premium e de café de especialidade, ademais de ampliar a gama de infusións ecolóxicas.

A firma tamén está actualmente inmersa nun proceso de investigación sobre as diferentes posibilidades de reutilización dos subproductos do café, como a cascarilla ou os sacos de yute.

No caso da cascarilla desenvolveu unha investigación en colaboración co CSIC, que emitiu un informe científico que confirma que a compostaxe da cascarilla alcanza os valores requiridos para obter compost de alta calidade.

A marca tamén implantou diferentes medidas como ecodeseño nos envases; selección de materias primas sostibles; uso de envases con certificados de xestión sostible; ecoeficiencia na loxística; e aposta polas enerxías renovables, entre outras.

Tamén pode interesarche