Inicio
Actualidade

Ao día!

28/02/2023

A sustentabilidade, aliada estratéxica do sector dos recursos naturais

Comparte este artigo

A Xunta de Galicia convocará cinco liñas de axudas para promover a eficiencia enerxética e a certificación das empresas desta industria, así como avanzar na mellora ambiental e laboral

A Axenda da Minaría Sustentable de Galicia 2030 é a folla de ruta para os vindeiros anos orientada a consolidar o sector como un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega, tales como a automoción, o téxtil, a electrónica ou a construción.

Concretamente, ata 2024, conta cunha dotación de 32 millóns de euros para asegurar que o proceso de transición ecolóxica e dixital se abastece de xeito sustentable coas materias primas autóctonas, contribuíndo a avanzar cara a un novo modelo industrial baseado nunha economía descarbonizada e dixitalizada.

No marco deste compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento dunha minaría sustentable e segura, este ano está prevista a convocatoria de cinco liñas de axudas destinadas á actividade industrial vinculada aos recursos naturais. En total, estes apoios suman 2,4M€ e amplían o seu ámbito de actuacións con respecto á edición anterior.

Están dirixidas a empresas privadas do sector mineiro, incluído o subsector da auga mineral natural e o de actividades relacionadas co sector mineiro, como é a de elaboración de rocha ornamental, así como as que se dediquen á explotación de balnearios e que realicen a súa actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia.

A primeira das liñas apoiará os investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico das zonas onde se desenvolve a actividade mineira e, en especial, mediante a redución de emisións de po e ruído. A principal novidade é que se estende a investimentos para a protección do medio ambiente na zona da actividade mineira.

Outras dúas liñas impulsarán investimentos para mellorar as condicións das persoas traballadoras, en especial na redución da exposición ao po e o ruído: unha dirixirase ao sector mineiro en xeral e inclúe, como novidade, investimentos tamén en redución das vibracións e medidas de seguridade, hixiene industrial e ergonomía; e a outra ao da rocha ornamental.

A intensidade da axuda será como máximo do 60% para as pequenas empresas, 50% para medianas e 40% para grandes, cun máximo de 100.000 euros na primeira e segunda liña, e 50.000 para a terceira.

Por outra banda, outorgaranse axudas para apoiar a adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética nas empresas do sector mineiro, especialmente para as que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as de explotación de balnearios. Este ano ábrese, polo tanto, a todo o sector e, ademais, incluirá apoios para a elaboración de auditorías enerxéticas relacionadas cos investimentos que vaian realizar nestes equipamentos. Neste caso a intensidade das axudas será do 50% para pequenas empresas, 40% para medianas e 30% para grandes, cun máximo de 50.000 euros para os equipamentos e 1.000 para as auditorías.

Implantación de certificacións

Finalmente, apoiaranse tamén os procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 Sistema de Xestión mineira sustentable e UNE 22470: 2019 Sistema de Xestión mineiro, mineirometalúrxica e metalúrxica sustentable, que acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sustentable nas empresas deste sector e que permitirá a Galicia avanzar no seu obxectivo de converterse na Comunidade cun maior número de compañías mineiras certificadas neste eido. A axuda máxima será de 3.000 euros.

Tamén pode interesarche