Inicio
Actualidade

Ao día!

16/03/2023

A empresa galega que participará no desenvolvemento dos satélites españois da Constelación Atlántica

Comparte este artigo

Alén Space desenvolve e fabrica en Nigrán pequenos satélites que permiten aos seus clientes acceder a datos ou comunicacións ata hai pouco só ao alcance de axencias espaciais, institutos de investigación e organismos públicos

Desde o lanzamento de Xatcobeo o 13 de febreiro de 2012, Alén Space non parou de crecer, ampliando tanto o seu equipo como o seu catálogo con novas solucións e produtos, abrindo camiño no espazo a todas aquelas empresas que desexan levar o seu negocio máis aló e aventurarse no New Space, no que a compañía galega se manexa como peixe na auga. Durante estes anos, traballaron con máis de 30 empresas diferentes e dispoñen de acordos comerciais con países de todos os recunchos do mundo, en total 18.

Do que empezou sendo un “experimento formativo” coas súas raíces na Universidade de Vigo e o apoio do programa Ignicia da Xunta, pasando por un pequeno equipo de 10 socios dos que inicialmente catro persoas se integraron na empresa aos preto de 40 que a constitúen na actualidade, Alén Space acaba de ser galardoada cun dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, concretamente na categoría de Innovación na Pequena e Mediana empresa, que recoñece o labor das persoas e empresas referentes do avance económico e social en Galicia a través da innovación e do deseño.

En Alén Space desenvolven e fabrican pequenos satélites que permiten aos seus clientes acceder a datos ou comunicacións ata hai pouco só ao alcance de axencias espaciais, institutos de investigación e organismos públicos. Trátase de sistemas pequenos, baratos e rápidos agora accesibles tamén para o sector privado grazas a uns custos que poden ser ata 100 veces inferiores aos dos satélites convencionais.

Guillermo Lamelas, CEO de Alén Space, lembra como empezou todo alá polo 2008: “Os satélites estaban vistos como unha oportunidade formativa, pero non como unha tecnoloxía capaz de habilitar solucións reais de negocio, con fins comerciais ou mesmo fiables para a súa utilización por parte de institucións públicas. Hoxe en día están na fala da xente”.

“Dentro de Galicia somos bastante únicos”

Aínda que especialmente no que respecta ás tarefas do seu CEO, o día a día en Alén Space posiblemente non sexa moi distinto ao doutras empresas, son os perfís técnicos que traballan nela os que fan a diferenza, na maioría dos casos formados internamente e antes na Universidade de Vigo. “Somos preto de 40 persoas que nos dedicamos ao espazo e iso probablemente sexa o máis distintivo. Dentro de Galicia somos bastante únicos”.

Sobra dicir que nun ámbito como o aeroespacial, que está en continuo desenvolvemento, a investigación é fundamental, “todo é froito da I+D”. En Alén Space continuamente están prospectando o mercado e ao tanto das que poden ser as necesidades do mercado para ir mellorando o seu portfolio e mantelo competitivo. Todo o que avanzaron ao longo destes anos sería impensable sen investigación, nalgúns casos a tecnoloxía coa que deron os seus primeiros pasos hai xa 15 anos evolucionou de forma espectacular e levaron a cabo desenvolvementos desde cero noutros para poder ofrecer solucións cada vez máis potentes e versátiles.

ADN galego na Constelación Atlántica

En Alén Space non paran, de feito, son unha das catro empresas españolas que participará no desenvolvemento dos oito satélites que constituirán a futura Constelación Atlántica. Guillermo asegura que “se están movendo moitísimas cousas a nivel europeo e a Constelación Atlántica é unha delas, unha parte importante móvese desde España en exclusiva e debemos estar aí competindo cunha oferta excepcional”. Formar parte do equipo é unha oportunidade inmellorable de poñer en valor toda a experiencia e tecnoloxía desta innovadora empresa galega que sen dúbida gañou un posto privilexiado no ecosistema do New Space español.

Tamén pode interesarche