Inicio
Actualidade

Ao día!

19/04/2023

efiFACTORY, avanzando cara á industria do futuro

Comparte este artigo

Impulsado por CTAG e BorgWarner Vigo co apoio da Xunta de Galicia, o proxecto demostrou o efecto multiplicador que a colaboración entre os centros de coñecemento e o tecido industrial ten sobre o avance cara á Industria 4.0

Fábrica Intelixente é un programa impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación cuxo obxectivo é axudar a grandes proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial, aliñados coa RIS3 Galicia e coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, a fábrica intelixente e a Industria 4.0.

Neste marco, sitúase efiFACTORY, un proxecto promovido polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e a empresa fabricante de compoñentes para vehículos BorgWarner Vigo. Desenvolto ao longo do últimos catro anos cun investimento público-privado de 2,5 millóns de euros, a iniciativa centrouse en investigar e desenvolver novas tecnoloxías de fabricación 4.0 que permitan evolucionar os procesos produtivos de BorgWarner cara á un novo modelo baseado na eficiencia, a flexibilidade e a sustentabilidade. Concretamente, abordáronse ámbitos como a xestión intelixente de operacións, a automatización avanzada, a loxística 4.0 ou a eficiencia enerxética.

Froito deste traballo conxunto, o proxecto permitiu potenciar a xeración de novos produtos, mellorar os procesos produtivos e resolver problemas de fabricación avanzada. Os resultados avalan a efiFACTORY como un caso de éxito do efecto multiplicador que a colaboración entre os centros de coñecemento e a industria ten sobre o avance cara á Industria 4.0.

Liñas de actuación e impacto do proxecto

Con foco na dixitalización e na análise de datos, o desenvolvemento das diferentes liñas de actuación do proxecto efiFACTORY permitiu o incremento de diferentes procesos de produtividade da planta nun 20%; a consecución de rastrexabilidade unitaria do 100% da produción, asociando a cada peza toda a información relativa aos seus atributos de fabricación e calidade (parámetros de proceso, calidade dimensional, etc.); a mellora da xestión do mantemento, diminuíndo o tempo de actuación por intervención nun 15%; e o redeseño dos procesos para o emprego eficiente dos recursos, logrando unha redución de consumos superior ao 10%.

Ademais, desenvolvéronse tecnoloxías para a comunicación que permiten unha operación máis autónoma da planta en contornas dinámicas, incrementando a súa dixitalización; a implementación de aplicacións específicas de automatización avanzada e robótica; o incremento da sustentabilidade dos procesos de fabricación de BorgWarner; e a concepción de modelos físicos e virtuais que serven de impulso ao lanzamento de solucións avanzadas para a fábrica do futuro.

O alcance técnico acumulado tras as catro anualidades de execución de efiFACTORY permitiu xerar novos coñecementos avanzados no campo das solucións tecnolóxicas 4.0, xunto coa incorporación de 14 tecnoloxías habilitadoras para incrementar o valor engadido das operacións en planta relacionadas coa automatización.

Tamén pode interesarche