Inicio
Actualidade

Ao día!

09/05/2023

Entrevista a Alberto Cabadas, director de Aguas de Mondariz

Comparte este artigo

“Para Aguas de Mondariz é un orgullo levar o nome de Galicia en todas as súas botellas”

Augas de Mondariz, que acaba de cumprir 150 anos de historia, ademais de ser unha das marcas galegas máis emblemáticas e con maior tradición, foi das primeiras en adherirse ao selo de Galicia Calidade. Mantén a súa sede principal en Mondariz, desde onde exporta auga galega ao territorio nacional e internacional, contando na actualidade con presenza en máis de 30 países de todo o mundo.

Poucas empresas poden presumir de cumprir 150 anos. Cales foron as claves para manterse no mercado máis dun século e medio?

Fundamentalmente destacaría catro aspectos clave que explican a lonxevidade da nosa marca: a aposta pola calidade, a nosa vinculación co coidado da saúde, a distribución e a innovación.

A nosa relación coa saúde é intrínseca á nosa existencia, de feito a nosa auga foi cualificada en orixe como mineiro-medicinal, xurdindo o seu envasado da necesidade dos hóspedes do balneario de gozar dos seus beneficios terapéuticos unha vez regresaban aos seus fogares.

Contar cos mellores colaboradores para a distribución en cada praza, en cada pobo, en cada rexión e en cada país tamén foi e segue sendo un gran apoio para a marca.

Desde o principio dos tempos, somos innovadores no modelo de negocio, nos envases e presentacións e nos sistemas industriais. Nestes anos, a nosa aposta pasou por diversificar a categoría da auga, comercializando todos os tipos de augas minerais. Adaptámonos ás novas necesidades e demandas dos consumidores lanzando bebidas saudables, zumes e néctares de froita en diferentes sabores e formatos. A nosa innovación pasa tamén pola xestión ambiental e implantación de sistemas de calidade e seguridade alimentaria.

Esta aposta pola calidade, a saúde e a innovación permitiunos alcanzar a máxima puntuación durante sete anos consecutivos nas catas a cegas do prestixioso International Taste Institute de Bruxelas. Aguas de Mondariz foi galardoada co Diamonds Taste Award en dúas ocasións, máxima distinción deste Instituto.

Orixe, calidade, propiedades... Que é o que máis valora o consumidor de Aguas de Mondariz?

A nosa auga ten propiedades únicas, é moi agradable en boca e fácil de dixerir. Ademais empregamos unha tecnoloxía que garante que é o consumidor final o primeiro que ten contacto coa auga. Por outra banda, Aguas de Mondariz ten 150 anos de historia e tradición, fíltrase no subsolo durante máis de 100 anos e prodúcese nunha contorna natural protexida como é a Rede Natura.

Mondariz Balneario é o concello máis pequeno de Galicia. Cal é o impacto social e económico da compañía no municipio e arredores?

Augas de Mondariz non é unha empresa sen máis. É un proxecto social e económico que leva creando emprego estable desde hai 150 anos, xeración tras xeración, nunha zona rural de Galicia como é Mondariz, Mondariz-Balneario e, en xeral, a zona de Condado Paradanta. Levamos con moito orgullo o nome do noso pobo a todos os sitios do mundo aos que imos porque, en definitiva, o noso pobo é tamén a nosa marca.

Pódese seguir innovando no sector do auga mineral?

Por suposto. Aínda que o produto é o mesmo que cando comezou a envasarse e venderse hai 150 anos, xa que a natureza ofrécennos unha auga única e nós o que facemos é só embotellala para que chegue ao consumidor, o certo é que si hai outros aspectos nos que temos marxe para a innovación. Neste sentido, centramos este esforzo en envasar a nosa auga da maneira máis responsable posible para conservar as súas propiedades. Para iso, entre outras moitas cousas, deseñamos novos envases que sexan máis fáciles de reciclar, reducimos o consumo de materiais no proceso de produción e instalamos sistemas máis eficaces enerxeticamente. Para nós, apostar pola innovación e pola responsabilidade é crucial.

Cales son os retos da compañía para os próximos anos?

Continuar na senda da innovación, co lanzamento de produtos saudables para poder satisfacer as necesidades do consumidor, cada vez máis informado e consciente da importancia da hidratación saudable.

En termos de internacionalización, continuar coa expansión da marca, presente na actualidade en máis de 30 países, para poder chegar a calquera lugar do mundo. Todo iso, respectando a contorna e co foco posto no compromiso ambiental que Aguas de Mondariz mantén desde a súa orixe. Ao mesmo tempo, os principios de sustentabilidade seguen moi presentes na folla de ruta da compañía, tanto no desenvolvemento de novos envases como en todas as decisións estratéxicas que tomamos.

Foron unha das primeiras marcas en adherirse ao selo de Galicia Calidade, contribuíndo así á súa expansión. Que lles achega a marca nos mercados nacionais e internacionais?

Galicia Calidade é unha marca de garantía, un selo que transmite confianza aos consumidores polo seu firme compromiso coa calidade e orixe dentro e fóra do noso país, o cal beneficia á proxección das marcas que forman parte del. Para Aguas de Mondariz é un orgullo levar o nome de Galicia en todas as súas botellas, contribuíndo así a difundir que a nosa terra é de bo comer, bo beber e de xentes que saben facer ben as cousas. Nós somos un exemplo diso, ao ser Mondariz a mellor auga do mundo. Se de algo sabemos os galegos é de auga.

Tamén pode interesarche