Inicio
Actualidade

Ao día!

13/12/2023

Cando as cunchas mariñas se converten en artesanía

Comparte este artigo

O taller de Montse Betanzos, situado no Grove (Pontevedra), está especializado na creación de xoias e complementos a partir de cunchas mariñas

Montse Betanzos é a terceira xeración dunha familia de colareiras, un oficio centenario do Grove, que ela aprendeu sendo unha nena e case como un xogo, axudando na casa á súa avoa, súa nai e súa tía creando diferentes pezas de bixutería con cunchas mariñas para logo vendelas na Illa da Toxa.

“Máis tarde estudiei, fixen carreira, traballei na empresa privada e, cando me desencantei da vida laboral que levaba, xa na madurez, decidín volver á orixe e emprender cambiando totalmente o rumbo”, rememora. Así naceu o taller e a marca que hoxe leva o seu nome, unha proposta bebedora de toda esa sabedoría tradicional pero cun enfoque contemporáneo.

A súa bixutería é única, xenuína e atemporal, pero sobre todo distínguese polo material coa que está realizada: as cunchas de mar. “O que diferencia á nosa marca con respecto doutras colareiras é que non tratamos o produto como un souvenir, unha visión que xa herdei de miña nai”, resalta Montse Betanzos. As súas creacións impulsan o oficio, buscando sacar as pezas do ostracismo de quedar gardadas nun caixón como meros recordos dunha viaxe para elevalas a obxectos ornamentais femininos. En definitiva, “dándolles o valor que deberon ter sempre como algo artesán, diferente, orixinal e autóctono dun enclave concreto de Galicia”, resalta.

Ademais de todo tipo de xoias, como colares, pendentes, pulseiras ou aneis, tamén exploran novos camiños, deseñando e vendendo outros complementos como sandalias, bolsos ou sombreiros, personalizados coas súas características cunchas.

Do proceso de recollida e selección das cunchas encárganse de primeira man. “Contamos cun almacén que xa vén feito de xeracións anteriores e que imos mantendo e enriquecendo a medida que imos gastando”, detalla Montse Betanzos. Durante o inverno traballan nos areais das praias da zona recolectando cunchas e escollendo “in situ” os materiais, que levan cribados e libres de area. Logo, xa no taller e con tempo, vanse seleccionando por cores, tamaños... O tratamento das cunchas depende do estado das mesmas, da súa cor natural e das pezas que se vaian crear con elas, sendo en ocasións tratadas con aceites ou vernices, pulidas ou mesmo tinguidas de cores que non ten a natureza: vermello, turquesa, azul metalizado…

Ademais de contar con puntos de venda en diferentes tendas de artesanía e xoiaría, Montse Betanzos comercializa as súas creacións a través do seu propio taller; coa presenza en numerosas feiras de artesanía; e, como complemento do anterior, na súa tenda web, na que adoitan mercar usuarios que xa a coñecen ou que tiveron a ocasión de ver e tocar o produto nalgún evento presencial.

“Case todo o mundo coñece e ten unha lembranza asociada a un colar de cunchas do Grove: porque veu de pequerrecho a unha excursión, porque llo levaron de agasallo, porque viu un na casa dunha avoa... Iso para min é unha sorte porque a xente cando se achega ao meu posto nunha feira de artesanía identifica o produto e ten con el unha vinculación emocional”, enfatiza. Ademais disto, o consumidor valora a preservación do oficio e a súa calidade, avalada co selo Artesanía de Galicia.

“Para min formar parte de Artesanía de Galicia foino todo”, conta Montse Betanzos. “Deume un empuxón enorme, ensinoume a enfocar o produto a partir da idea que tiña, axudoume na difusión… O sector artesán galego é a envexa de toda España. Sen Artesanía de Galicia, a Fundación e a Consellería de Economía, Industria e Innovación os artesáns galegos non seriamos o que somos”, conclúe.

Tamén pode interesarche