
Ao día!

O éxito empresarial das galletas mariñeiras
Daveiga xurdiu no ano 2005 froito da iniciativa dos seis irmáns Lamazares. Tres deles foron promotores do proxecto e os outros tres sumáronse como socios financeiros para impulsalo. “Daveiga naceu como resposta ás inquedanzas que tiñamos os promotores: volver para a zona onde nacemos poñéndonos á fronte dun proxecto empresarial que nos permitise traballar e contribuír ao desenvolvemento do noso lugar de orixe (Rodeiro)”, explica Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga.
“As Mariñeiras, que son galletas salgadas, parecíannos unha idea innovadora con pouca competencia no mercado. A grande maioría das empresas de galletas facían produtos doces”, conta Lamazares. Así que estudaron a viabilidade da idea e decidiron lanzar o proxecto, implantando finalmente o obradoiro en Chantada.
O éxito non tardou en chegar. “As Mariñeiras achegaban unha grande innovación no sector da panificación: permiten aproveitar as vantaxes do pan tostado (longa duración, saudable, sen azucres engadidos…) e as vantaxes das galletas doces, xa que se trata dun produto moi apetecible tamén para comer só”, comenta. Ademais de achegar valores diferenciais como a longa duración de xeito natural e a versatilidade de uso para degustar soas ou acompañadas, tamén se adaptan á perfección ás novas tendencias de consumo saudable e ao auxe dos produtos bio ou vegáns.
Proceso de produción
Daveiga é unha empresa monoproduto: as Galletas Mariñeiras. Iso si, con 26 variedades á venda. Cun forte posicionamento nos mercados nacionais e portugués, “as referencias con máis presenza son as clásicas elaboradas con manteiga, as Mariñeiras con aceite de oliva virxe extra e as galletas con sementes de chía”, detalla Xosé Lois Lamazares.
No momento actual, en Daveiga producen 6.000 kg de Galletas Mariñeiras por día, acadando unha facturación anual de máis de 6.000.000 euros. No que respecta ao proceso de produción, defíneno como semiartesanal. “Trátase dun proxecto mecanizado intensivo en man de obra. A intervención humana ten moita presenza e importancia en todo o proceso”, conta. De feito, a empresa dá emprego estable a 75 persoas.
Detrás do éxito que acadou nos puntos de venda, Xosé Lois Lamazares confesa que “non hai segredos”, aínda que cre que influíron diferentes factores, como “a innovación que incorporaba o produto e o proxecto; a versatilidade para chegar a diferentes nichos de mercado e aproveitar tendencias de consumo (saudable, bio, horeca, snacks, vegano ...) e tamén a aposta por un modelo de xestión vinculado á economía social. Isto facilita a fidelización do consumidor e a comunicación orgánica, así como tamén sumarnos a unha tendencia de consumo en constante crecemento: produtos vinculados ao territorio e ao consumo consciente ou social”.
Impacto na economía rural
Desde os seus inicios, Daveiga ten achegado moita visibilidade á zona rural onde está ubicado o proxecto. Ao tratarse dunha iniciativa innovadora desde o punto de vista do modelo de xestión e do produto, xerou impacto en termos de comunicación, o que repercutiu tamén na contorna.
“En relación á contribución económica de Daveiga ao rural, destacaría a súa aposta pola redistribución do valor engadido a través dos salarios, con 75 empregos estables; das compras, xa que damos preferencia ás materias primas procedentes ou transformadas na contorna máis próxima (fariña de trigo galego, Reyes Hermanos, Aceites Abril...); do reinvestimento dos excedentes; e da participación nos beneficios, con 61 persoas socias”.
Hoxe Daveiga é unha empresa consolidada que vén de estrear novas instalacións, o que lles vai permitir aumentar a capacidade de produción a 15.000 kg, e mellorar as condicións dos postos de traballo, cunha superficie útil 5.000 m2.
Na actualidade traballan para posicionarse en Reino Unido e Irlanda, sen deixar de traballar para vender noutros países europeos e en América. “Ademais estamos traballando nun proxecto de desenvolvemento e innovación para ampliar novas referencias que demanda o mercado e tamén ampliar a gama de produtos co obxecto de ir diversificando o noso mercado”, conclúe.