Inicio
Actualidade

Ao día!

16/01/2024

GalChimia, a empresa galega referente en química sintética

Comparte este artigo

Cunha traxectoria de máis de 20 anos no sector, a empresa consolida a súa presenza internacional desenvolvendo I+D para a industria farmacéutica europea, sen deixar de apostar polo rural e pola xeración de emprego de calidade en Galicia

GalChimia nace no 2001 como unha iniciativa de emprendemento universitario ao abeiro do Programa de Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A idea era crear un laboratorio de investigación química con capital integramente galego para dar saída ao potencial e talento investigador das universidades da Comunidade, converténdose nunha saída profesional en primeiro termo para os fundadores e, máis adiante, para licenciados e doutores en Química.

GalChimia foi a primeira empresa galega cun modelo de negocio baseado na investigación por contrato. “O noso negocio céntrase na oferta de servizos especializados de alto valor engadido en química orgánica sintética dirixidos principalmente cara ás industrias farmacéutica e biotecnolóxica”, explican desde a empresa. A proposta de valor de GalChimia susténtase no alto grao de coñecemento e experiencia do equipo en síntese orgánica, orientada a apoiar os procesos de descubrimento e desenvolvemento de novos fármacos. “Os maiores activos de GalChimia son, sen lugar a dúbidas, o seu capital humano e a súa vocación innovadora, que nos permite mellorar e adaptar continuamente os nosos servizos ás necesidades do mercado. O noso equipo está altamente cualificado e motivado, o que nos permite xogar na liga das multinacionais farmacéuticas a nivel internacional", contan.

Na actualidade, e cunha traxectoria ás costas de máis de 20 anos, contan cun volume de facturación que supera os 3 millóns de euros, dos que o 75% corresponden actualmente ao mercado internacional. En 2020 aumentaron a súa capacidade produtiva coa construción dunhas novas instalacións situadas no rural galego, concretamente en Touro. O equipo de GalChimia incrementouse tamén ata superar as 50 persoas, que a día de hoxe están repartidas en 3 centros de traballo localizadas na devandita sede de Touro (A Coruña), Tres Cantos (Madrid) e Barcelona. 

Liñas de negocio

Inicialmente, GalChimia centrábase nas fases iniciais do proceso de descubrimento de fármacos, especialmente no deseño e síntese de librerías de compostos, pero foron incorporando máis capacidades e actualmente poden apoiar todos os aspectos de síntese química relacionados coas etapas preclínicas de investigación

Os químicos e químicas de GalChimia traballan para máis de 330 clientes repartidos en 35 países, en proxectos relacionados con catro liñas de negocio: química de investigación (orientada a deseñar e sintetizar novas entidades químicas en proxectos de descubrimento de fármacos); química de procesos (implementada en 2004 como resposta á demanda dos clientes farmacéuticos que tamén requirían a optimización e escalado dos procesos de fabricación do principio activo); química analítica (servizos de determinación de purezas, separación quiral, estudios de estabilidade, desenvolvemento de métodos, análises de caducidade, etc.); e finalmente a liña catálogo (GalChimia ofrece a través da súa tenda online un catálogo de produtos químicos, que actualmente conta con máis de 250 referencias consistentes en estándares farmacéuticos e de pesticidas).

Unha aposta pola I+D+i

Galchimia caracterízase polo seu afán de innovar e o seu compromiso coa excelencia científica, de feito contan co Selo Peme Innovadora do Ministerio de Ciencia e Innovación e foron recoñecidos nos Premios Galicia Innovación e Deseño que concede a Xunta.

Nos últimos anos, reinvestiron de forma continua más do 10% da facturación en actividades de I+D+i, dedicando ata un 15% da plantilla a proxectos de investigación. Ademáis, a empresa participou en 17 proxectos colaborativos con entidades de primeiro nivel en convocatorias tanto rexionais como nacionais e internacionais. Estas colaboracións permítelles establecer alianzas con líderes noutras áreas de especialización e mellorar a súa competitividade ao posicionarse como referentes en síntese química de maneira global. 

Entre os éxitos da súa I+D destacan a creación en 2018 da spin-out Origo Biopharma, unha biotech creada para continuar os avances do seu programa de descubrimento de fármacos apoiado pola Axencia Galega de Innovación. “Origo chegou a completar a primeira fase de ensaios preclínicos con resultados moi positivos, sendo adquirida polo grupo belga Agomab Therapeutics en 2021, que seguiu avanzando cos proxectos de Origo e recentemente acaba de comunicar o inicio da fase clínica 1 do composto para tratamento da Fibrose Idiopática Pulmonar e a fase clínica 2 para o composto centrado na Enfermidade de Chron”, explican.

Actualmente, co grupo Biofarma da USC, teñen en marcha un programa de descubrimento de molécula pequena para o tratamento de cancro de próstata resistente á terapia por castración (proxecto Maoprost, co apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación). Ademais, traballan con dous consorcios internacionais en proxectos para o tratamento de glioblastoma, o tumor cerebral máis agresivo e para o que non existe cura actualmente. “Os proxectos propoñen dúas aproximacións diferentes pero igualmente innovadoras: o proxecto ECM-CART, no que recibimos apoio do CDTI, combina a nanotecnoloxía coa terapia de células CAR-T, mentres que o novo proxecto NuCapCure propón un novo mecanismo biosintético para mellorar a eficacia e selectividade da terapia de neutróns e protóns en tumores de difícil acceso. NuCapCure é un dos proxectos aprobados na convocatoria de Horizonte Europa - Pathfinder Open, unha das máis competitivas do Consello de Innovación Europeo (EIC), e no que comezaremos a traballar a principios do ano 2024”, detallan.

O seu principal reto actual é consolidarse como líderes en síntese orgánica a nivel internacional. “Temos capacidade de sobra, pero movémonos nunha industria moi áxil e cambiante, e necesitamos manter o ritmo tanto dos nosos clientes coma dos nosos competidores. Para adaptarnos rapidamente ás necesidades do sector, debemos ser un axente de innovación en tódolos sentidos. Aquí é onde esperamos que a nosa estratexia de I+D nos dea o pulo definitivo”, explican.

En canto á situación do ecosistema biotecnolóxico galego, destacan o feito de que, a día de hoxe, Galicia é a segunda comunidade máis bioemprendedora de España, evidenciando o bo momento que está a atravesar o sector. “O noso ecosistema innovador é un dos máis activos a nivel nacional, gracias en boa parte ás accións dinamizadoras do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga). O camiño que temos por diante agora é o de consolidar o tecido biotech e conseguir esa masa crítica que converta a Galicia nun polo de referencia máis alá das nosas fronteiras. Coma sempre dicimos, desde Galicia para o mundo!”.

Tamén pode interesarche