
Ao día!

Mobles de deseño con raíces galegas
Artesanía, innovación e sustentabilidade son os piares principais de Bela Furtiva, unha marca de mobiliario e complementos nos que a inspiración atlántica, a cultura galega e as propias vivencias persoais da súa fundadora, Xema Varela, se dan a man.
O proxecto naceu en plena pandemia, pero a idea xa levaba tempo rondando na súa cabeza. Como responsable desde 2008 da empresa de interiorismo Nanube atesouraba unha sólida experiencia no sector. “Estabamos moi habituados a traballar en proxectos moi personalizados e a deseñar todos os mobles que se incluían, polo que desexaba capitalizar e aproveitar todo ese coñecemento”, conta Xema Varela. “O confinamento foi un momento de quietude inesperado no que xorde a oportunidade de dedicarlle tempo a plasmar todas as ideas que tiña en mente, coincidindo ademais cun momento da miña vida no que me estaba cuestionando moitas cousas a nivel identitario”, continúa. Nese proceso, ademais, conecta coa figura da súa avoa, na que se inspira o nome do proxecto. “Bela Furtiva nace como homenaxe a todas esas mulleres que, antes ca nós e tamén hoxe, se atreveron e atreven a rebelarse contra as conviccións sociais que as relevan a un segundo plano”.
O fin último de Bela Furtiva é afastarse da idea prototípica dun moble e crear “pezas que poidan conectar emocionalmente coas persoas, que vaian máis aló da funcionalidade meramente entendida como utilidade. Ir deconstruíndo o moble e ir chegando máis ao territorio da arte”, explica.
Conexión urbano - rural
Na actualidade, en Bela Furtiva contan con 5 coleccións en marcha, cada unha coa súa historia. “O que máis éxito teñen son os nosos bancos: “Xara”, unha peza de aparencia elegante e sinxela, aínda que non hai nada sinxelo, senón moito traballo detrás; e “Naila”, que transmite unha gran sensación de esvelteza e consistencia”, detalla.
Os produtos e as coleccións da marca van moi da man da cultura galega cunha gran labor de investigación, interpretación e actualización de diversos conceptos e un forte compoñente emocional.
“Como exemplo, para a nosa última colección “Atar”, que está en proceso e da que estamos empezando a amosar os primeiros prototipos e pezas, percorremos o rural galego durante practicamente un ano vendo diferentes “realizacións materiais”, que é como lles chamamos ás solucións arquitectónicas que se fan no rural de forma espontánea para solucionar necesidades”, explica. “Falamos de cando te atopas cunha mesa feita con taboleiros de madeira e bloques de formigón que sobraron de construír unha casa ou unha varanda feita con redes de pesca que xa están alí arredor duns paus...”. Deste xeito, inspiráronse nesa realidade para crear pezas con esa mesma mentalidade, pero atractivas para un público enfocado no deseño, cunha vontade de reconciliar o mundo urbano co rural e apostando cada vez máis por mobles de edición única.
Materiais naturais e economía circular
Para a creación das diferentes pezas, en Bela Furtiva traballan principalmente con materiais naturais e con metais, como pode ser o aceiro, así como con teas como o liño ou as sedas salvaxes. Ademais, o concepto de economía circular está cada vez máis presente nas súas coleccións. De feito, na última, para a que contaron cunha auditoría para guialos no proceso, empregan subprodutos, restos de taller, sobrantes de teas, anacos de madeira dos talleres cos que traballan, etc. para volver introducilos na cadea de produción. “Ademais, traballamos con talleres locais, o consumo de auga que facemos é mínimo... Imos tendo cada vez máis control sobre isto”, remarca.
O estudio de interiorismo de Bela Furtiva atópase en Santiago, que é onde realizan a maior parte das súas transaccións, e que complementan coa realización de diferentes pop-ups (concepto de tendas itinerantes e temporais) en Galicia, a súa páxina web e redes sociais. Estas últimas “xogan para nós un papel importante porque son a ferramenta que empregan os usuarios para informarse previamente. Non son aínda axentes decisores na compra, pero si medios para darnos a coñecer máis e estar máis conectados”.
Tras a experiencia das pop-ups celebradas en Carballo e Pontevedra, en 2024 proxectan facer unha en Santiago. Para o futuro, o seu principal reto é acadar unha comercialización máis estable e facer un labor de expansión e comercialización cara a Portugal, sen descoidar a parte social. ”Non só nos interesa ser unha empresa que xera beneficios, interésanos moitísimo calar na sociedade, ofrecer unha mensaxe coa que poder contribuír e facer un labor relevante que afecte positivamente”, conclúe Xema Varela.