
Ao día!

Os Premios Artesanía de Galicia 2023 recoñecen a excelencia do sector artesán galego
A Fundación Pública Artesanía de Galicia organiza os Premios Artesanía de Galicia desde 2014 co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, estimular a súa creación e fomentar o relevo xeracional, poñendo en valor o sector como motor económico e cultural de Galicia. Ano tras ano, son un excelente escaparate da calidade e a creatividade dos diferentes oficios.
A gala de entrega de premios celebrouse o pasado 20 de decembro en Santiago de Compostela e contou coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou a relevancia do sector para Galicia como garantía da tradición e como xerador de emprego e riqueza.
Premio Artesanía de Galicia 2023
Na presente edición, o Premio Artesanía de Galicia 2023, dotado con 9.000 euros, recaeu en Francisco Millán, do taller Frouma Atlantic Wood (Ribeira, A Coruña) pola súa obra Noray, que representa valores que definen unha artesanía competitiva no mercado actual. Concretamente trátase dun pequeno moble auxiliar que pode ser una banqueta, unha mesa o unha lámpada elaborado a partir de madeira de batea e inspirada nos norays dos portos galegos que se utilizan para atar os cabos ao atracar os barcos.
Na mesma categoría tamén eran finalistas a peza Nasa, do taller Raíces Nómadas Atelier (Ribadeo, Lugo), un bolso de man realizado en pel de curtido vexetal, que busca reinterpretar a través da marroquinería e do trenzado aquelas nasas antigas elaboradas con madeira e vimbias, nunha homenaxe á cultura marítima de Galicia; e a peza Orixe, do taller Logaro (Ourense), un xersei deseñado e elaborado con técnicas como o gancho, o gorullo do tecido tradicional galego e a técnica nalbinding, vinculada á encadernación, e a partir do fío da autóctona, da raza ovella galega, un material que permite conectar tamén pasado con presente e futuro.
Bolsa Eloy Gesto
Co Premio Bolsa Eloy Gesto, dirixido a artesáns que non superen os 40 anos e que está dotado con 4.000 euros para investir nun centro de formación de prestixio, a Xunta de Galicia busca impulsar o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Neste caso recaeu no oleiro de Buño (A Coruña) Alberto Añón pola súa proposta para seguir formándose no mundo da artesanía e o deseño. Alberto Añón, que a efectos de marca coñécese como Alberto Lista (polo nome do seu taller de olería), poderá especializarse en porcelana cun dos maiores expertos do mundo, especialmente en cristalizacións e viaxar a Bélxica para aprender novas técnicas.
Premio Traxectoria 2023
Finalmente, Agapito González foi recoñecido a título póstumo co Premio Traxectoria 2023. O Premio Traxectoria, de carácter honorífico, recoñece a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no ámbito da nosa artesanía. O artesán de Sober Agapito González foi distinguido por ser unha referencia na recuperación e na transmisión do oficio da cerámica tradicional de Gundivós.