O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular ‘Viratec’ persegue, desde que se xestou a finais de 2020, incrementar a competitividade e a capacidade tecnolóxica e innovadora das empresas galegas que achegan solucións ambientais para un desenvolvemento sustentable.
O seu presidente, Marcos Martín, está convencido de que “o futuro será circular” e, de feito, asegura que “a sociedade é consciente da necesidade de transformar o sistema de produción e consumo actual cara a un modelo máis respectuoso co medio ambiente”. Falando da implementación de solucións ambientais a través do emprendemento e o denominado emprego verde, o tamén director rexional Norte do Grupo Suez, e por tanto responsable de Viaqua, subliña que “tanto administracións como organizacións empresariais asumiron a economía circular como parte esencial das súas estratexias”.